Os VII Premios Galicia Alimentación: Calvo, Nova Pescanova, Asoporcel e Gadis

Na categoría 'estratexia de mercado', recoñeceuse a Gadisa Retail (Gadis) pola súa campaña 'Gadis, co produto local', centrada no esforzo e o apoio da marca aos pequenos produtores locais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2021 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

O VII edición dos Premios Galicia Alimentación recoñeceu este mércores o papel de empresas como Calvo ou Nova Pescanova pola súa aposta pola innovación e o compromiso co sector.

O acto de entrega destes galardóns, entregados polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), celebrouse na Cidade da Cultura e contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto aos conselleiros de Mar e Medio Rural ou do vicepresidente segundo e responsable de Industria, Francisco Conde.

Na categoría 'produto innovador' foi premiada Calvo, polo seu novo envase 'Envorca Fácil', baseado na tecnoloxía 'Real Peel' e que supuxo un importante investimento e desenvolvemento tecnolóxico por parte da empresa.

Tamén se recoñeceu a Nova Pescanova pola súa gama de produtos 'A Pasta do Mar', unha proposta sinxela e nova para gozar do consumo do peixe pensada para todo tipo de consumidores.

A segunda categoría, 'proxecto empresarial', entregou un premio á Asociación de Criadores da Raza Porcino Celta, entidade sen ánimo de lucro que naceu en 1999 coa finalidade de recuperar e conservar a única raza porcina autóctona de Galicia.

Tamén entregou unha mención especial a 3D Essence Food pola súa iniciativa de aproveitamento dos excedentes de produción para frear o desperdicio de alimentos e xerar formatos con alto valor nutricional.

Finalmente, na categoría 'estratexia de mercado', recoñeceuse a Gadisa Retail (Gadis) pola súa campaña 'Gadis, co produto local', centrada no esforzo e o apoio da marca aos pequenos produtores locais; e unha mención especial a Lence-Grupo Leite Río polo seu Configurador MDD 4.0. e as súas accións para dar resposta ás necesidades de conectividade e potenciar as ferramentas de dixitalización.

GALICIA CALIDADE

Durante a súa intervención no acto, Feijóo incidiu na necesidade de seguir apostando pola innovación, a internacionalización e a calidade e destacou a importancia da rastrexabilidade do produto e a certificación da orixe en Galicia como un elemento "diferencial" respecto doutros territorios.

Feijóo incidiu en que 'Galicia Calidade' ten que ser "a resposta ás novas demandas", e avanzou que nos próximos meses porase en marcha unha campaña da man do sector para reforzar e potenciar a marca, que implica ademais unha resposta coral de produtores, empresas, consumidores e administracións públicas.

PESO DA INDUSTRIA

O presidente galego incidiu no peso da industria agroalimentaria, que aglutina o 5 por cento do PIB galego, ao redor do 6,3% do emprego -70.000 persoas- e o 6,5% das exportacións nacionais agroalimentarias, é dicir, 2.650 millóns de euros.

Neste sentido, destacou diferentes medidas impulsadas para potenciar e mellorar o sector, como a Lei de Recuperación da terra agraria ou a futura Lei da Calidade Alimentaria, que potenciará toda a cadea, favorecendo as denominacións de orixe e actualizando o marco de control e sancións para adaptalo ás prácticas desleais e ao comercio en liña.

Nesta mesma liña, referiuse tamén á posta en marcha da 'Estratexia de Dinamización do sector lácteo', co obxectivo de conseguir valor engadido no 75 por cento da produción e potenciar a iniciativa 'Galega 100%'; e da 'Estratexia do Viño', para relanzar o sector e explotar o seu potencial turístico.

Sede central de Gadisa
Sede central de Gadisa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta