Navantia e Iberdrola acordan unha nova planta de cimentacións para eólica mariña en Fene

O consorcio formado por Navantia e Windar poñerá en marcha unha fábrica de monopiles XXL en terreos do estaleiro de Navantia en Fene.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

Iberdrola pechou un acordo marco de colaboración con Windar e Navantia para a fabricación e subministración de 130 cimentacións tipo monopile XXL valorado en 400 millóns de euros.

Con este acordo, Iberdrola poderá realizar pedidos a estes fabricantes por este valor, entre 2023 e 2025, para futuros parques eólicos mariños e asegusa así a subministración preferente dunha parte destes compoñentes para os próximos anos. O consorcio formado por Navantia e Windar poñerá en marcha unha fábrica de monopiles XXL en terreos do estaleiro de Navantia en Fene.

A nova fábrica de monopiles XXL, que fabricará cimentacións de máis de 100 metros de lonxitude e ata 2.500 toneladas de peso, estará dispoñible nun prazo de 13 meses e situarase nunha parte da instalación do estaleiro de Fene, sen interferir cos medios produtivos destinados á construción doutros produtos de eólica mariña, como son jackets e estruturas flotantes.

Iberdrola afianza desta maneira unha relación de máis de sete anos con Navantia e Windar, que entre ambos suman contratos de eólica mariña por un valor próximo a 1.300 millóns de euros. As compañías reforzan a súa aposta pola transición enerxética e a súa contribución á recuperación verde e o emprego, asociada a proxectos renovables de futuro.

Entre os proxectos xa executados para Iberdrola polo consorcio de maneira exitosa atópanse os parques eólicos mariños Wikinger, no mar Báltico; East Anglia One, no Reino Unido; o novo parque eólico de Saint Brieuc, en augas da Bretaña francesa e dúas subestacións para estes dous últimos parques, adxudicadas a Navantia. Ademais, Windar realizará as pezas de transición para o parque que a enerxética construirá en Estados Unidos, Vineyard I.

En todos estes traballos están involucrados máis de 2.000 profesionais de forma directa. A estes sumaranse os varios miles de empregos que se xerarán en contratistas locais, tanto en España como en Francia, onde Navantia-Windar dispón dunha unidade produtiva no porto de Brest, onde se fabrican compoñentes das jackets para o parque.

Hai un ano, Iberdrola adxudicou á UTE Navantia-Windar a construción de 62 jackets que sustentan os aeroxeradores mariños e os pilotes necesarios para a súa instalación no parque francés de Saint Brieuc. O contrato, por un importe de 350 millóns de euros, representou no seu momento o maior da historia de Windar-Navantia no sector da eólica mariña.

Arquivo - Exemplo de cimentacións monopiles en parque eólico West of Duddon Sands (WODS) de Iberdrola. IBERDROLA - Arquivo
Arquivo - Exemplo de cimentacións monopiles en parque eólico West of Duddon Sands (WODS) de Iberdrola. IBERDROLA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Somos umha pu.. colónia. Quantas industrias se criaram na Galiza para utilizar essa energia? Nengumha, ira para Madrid, e nós a subvenciona-la e logo a emigrar. Esta é a política do PP para com nós, e por se nom fosse pouco ainda os votamos. Isto da que pensar sobre o segmento da povoaçom galega que vota a sua escravitude.