Tellado acusa a BNG e PSdeG de ir contra a democracia por non votar contra os indultos

A deputada do PP no Congreso Marta González, cualificou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como "indigno".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A deputada do PP no Congreso Marta González esixiu este venres a Pedro Sánchez, ao que tachou de "indigno presidente", que "abandone a súa política de cesións" aos nacionalistas tanto de ERC como do PNV nunha "lexislatura tan desgraciada para España" como a actual.

Nunha rolda de prensa conxunta co secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, González cargou contra os indultos aos dirixentes condenados polo procés cando "estaban en prisión por desobediencia continuada aos tribunais, por sedición e por malversación" tras convocar o referendo do 1 de outubro "con diñeiro de todos os españois".

A razón dos indultos non é de "utilidade pública" como a xustifica o Goberno, segundo denunciou a deputada, senón de "utilidade para que Sánchez continúe na Moncloa", xa que os presos cataláns "non se arrepentiron" e esta medida concedéuselles cun informe "totalmente contrario do Tribunal Supremo".

Xunto a todo iso, González advertiu que o Goberno central "comezou a operación de desprezo" ao Tribunal de Contas ao tachalo de "órgano meramente administrativo" despois de que reclamase unha fianza de 5,4 millóns a excargos da Generalitat por fondos destinados ás delegacións do Govern no exterior e ao Diplocat.

Así mesmo, a deputada lamentou que agora o ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, pida "un referendo sobre financiamento e participación das comunidades no deseño das políticas do Estado". "Non están a negociar nada coa Xunta. Fano para ERC a ver se coa e se podemos ter xa un referendo pronto", censurou Marta González.

"Pedimos ademais ao Goberno de Pedro Sánchez que deixe de enganarnos e abandone esta política de cesións que vai prexudicar ao resto de comunidades autónomas, entre elas a Galicia, coa repartición discrecional dos fondos europeos de recuperación", sentenciou.

TELLADO APUNTA A BNG E PSDEG

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG lamentou que este "espectáculo bochornoso" no panorama estatal tivese este xoves "a súa continuidade" no Parlamento galego, despois de que nin BNG nin PSdeG apoiasen unha iniciativa dos populares en contra dos indultos aos presos cataláns. "Literalmente, votaron en contra das bases do noso sistema democrático", sinalou Miguel Tellado, posto que esta iniciativa buscaba "mostrar o apoio da Cámara galega ao poder xudicial".

Neste contexto, indicou que aínda que "en todas partes hai forzas políticas radicais, antisistema que buscan reverter o Estado de dereito", lamentou que o PSdeG-PSOE, con toda a súa representación en concellos e deputacións, votase "en contra da lei".

"O PSdeG-PSOE xa non existe, só queda o 'Partido Sanchista', un partido dobregado, sometido a Madrid, ao cesarismo dun líder que quere manterse no poder sexa como sexa", esgrimiu Tellado, quen tamén cargou contra o BNG "máis rancio e deciminónico" porque "por fin se lle cae a careta e mostra a súa verdadeira cara" ao solicitar "un estatuto de nación" e "a autodeterminación" para a Comunidade galega.

Dito isto, recoñeceu que o BNG "non pode votar a favor da Constitución e da lei porque o seu proxecto copiado dos independentistas cataláns pasa por derrubar a Constitución e a lei para impor a Galicia minoritaria que eles desexan". "Un modelo que, afortunadamente, os galegos rexeitan nas urnas cada catro anos", agregou.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nunha rolda de prensa coa deputada no Congreso Marta González.. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nunha rolda de prensa coa deputada no Congreso Marta González.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta