Localizan a un cazador furtivo que instalara catro trampas ilegais en Pontevedra

O cazador contaba con catro lazos, dispositivos de caza ilegais, e un criadeiro de coellos sen autorización.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

Axentes ambientais sorprenderon 'in fraganti' a un cazador furtivo, veciño de Pontevedra, que tiña instaladas catro trampas ilegais nun monte da parroquia pontevedresa de Verducido.

Os feitos foron detectados este luns durante un servizo de vixilancia rutineiro no que os axentes do distrito XIX Caldas-Salnés-Pontevedra localizaron a un can atrapado nun lazo, unha trampa prohibida pola Lei de Caza de Galicia.

Tal e como informou a Consellería de Medio Ambiente nun comunicado, tras desactivar o dispositivo para evitar o estrangulamento do animal e proceder á súa identificación para contactar co seu dono, os axentes detectaron, na mesma zona, outros tres lazos activos e un biotopo ou criadeiro de coellos "que non contaba coas preceptivas autorizacións".

Nese momento, os funcionarios da Consellería despregaron un operativo de seguimento co que identificar o autor dos feitos. A última hora desa mesma tarde, segundo sinalou Medio Ambiente, un home chegou á zona e comezou a realizar "labores de mantemento" no biotopo ilegal, así como nunha das trampas desactivadas previamente polos axentes.

TRAMPAS RETIRADAS

Unha vez comprobada a súa vinculación cos dispositivos ilegais, os responsables interceptaron ao home para a súa completa identificación. Os axentes retiraron ademais, na súa presenza, todos os lazos localizados.

Medio Ambiente apuntou que o informe dos axentes xa foi trasladado aos servizos xurídicos da Consellería, que analizarán os feitos denunciados "para valorar se se inicia o correspondente procedemento sancionador" e mesmo se se traslada a denuncia ante o xulgado, "no caso de que haxa indicios de delito".

Axentes ambientais desactivan un dos lazos de caza ilegais. CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
Axentes ambientais desactivan un dos lazos de caza ilegais. CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta