A campaña do polbo comeza cunha escasa descarga de 105 quilos na lonxa da Coruña

O prezo oscilou entre os 8,5 e os 12 euros o quilo.

Por E.P. | A Coruña | 06/07/2021 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A Lonxa do Porto da Coruña acolleu este martes a primeira descarga de polbo da tempada, con 105 quilos de produto procedentes de seis barcos de baixura, cun prezo que oscilou entre os 8,5 e os 12 euros o quilo.

Polbos descargados na lonxa da Coruña
Polbos descargados na lonxa da Coruña | Fonte: Autoridade Portuaria.

Así o informou a Autoridade Portuaria da Coruña nun comunicado, no que explicou que como ocorreu no resto de Galicia, "trátase dunha partida escasa debido ás desfavorables condicións meteorolóxicas nas que faenaron as frotas".

No entanto, as mesmas fontes portuarias subliñaron que "se espera que ao longo da semana mellore o clima e se vaia incrementando o volume de capturas deste prezado cefalópodo".

A Autoridade Portuaria da Coruña destaca a lonxa coruñesa como "referencia na venda de polbo" no ámbito estatal. "De feito, o pasado ano foi a segunda de Galicia, só superada por Ribeira, en volume de capturas e vendas, cun total de 156.000 quilos", abunda.

"A alta concentración de frotas de toda Galicia é un dos factores que inflúe na posición da lonxa coruñesa e a cantidade e calidade de produto que se poxa, nunhas instalacións autoxestionadas polo propio sector, que polo seu deseño diáfano e funcional facilitan o traballo tanto dos buques como dos vendedores e compradores", expoñen as mesmas fontes.

O tráfico de pesca fresca e marisco "é un dos sectores estratéxicos para o Porto da Coruña", sostén a Autoridade Portuaria, "fundamentalmente pola actividade que xera, dando emprego a unhas 10.000 persoas", apostila.

Ademais, cunha media de 40.000 toneladas de produto anual e máis de cen especies de peixe e marisco fresco, "mantívose na última década á cabeza do sector en España", conclúen as mesmas fontes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta