Os tres primeiros detidos polo asasinato de Samuel teñen entre 20 e 25 anos e son todos galegos

A Policía Nacional indica que "non se descartan máis detencións nas próximas horas". O ministro do Interior, Grande-Marlaska, sinala que están "abertas todas as hipóteses".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/07/2021 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detivo a tres veciños da Coruña, dous homes e unha muller de entre 20 e 25 anos, como presuntos autores da malleira mortal ao mozo Samuel Luiz na madrugada do sábado. Os tres son de nacionalidade española e, ademais, galegos, segundo confirman fontes oficiais.

Os arrestos producíronse "ao longo da mañá" e "as primeiras horas da tarde" deste martes, segundo explicou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, en declaracións difundidas aos medios.

A investigación "continúa aberta" ata "o total esclarecemento dos feitos", tal e como informou a Policía Nacional a través do seu Twitter. Precisamente por iso, non se descartan máis detencións "nas próximas horas", conclúe a mensaxe.

Foron as probas testificais practicadas nos últimos días e o visionado de imaxes captadas por móbiles, cámaras da Policía Nacional e de entidades privadas situadas na zona da agresión, ocorrida na Avenida de Buenos Aires, as que permitiron identificar aos implicados e realizar as primeiras detencións.

POLO MENOS 15 PERSOAS DECLARARON

Ata o momento, polo menos 15 persoas pasáronse polo cuartel de Lonzas, na Coruña, para prestar declaración por este crime. Por agora, fontes oficiais aínda non confirman se se trata dun ataque homófobo, algo que se dirimirá a investigación, tal e como insiste a Delegación do Goberno.

Con todo, a amiga de Samuel que se atopaba no lugar dos feitos denuncia que durante a agresión, aínda que se iniciou por un malentendido cun teléfono móbil --quen lle propinou a primeira puñada pensaba que lle estaban gravando--, producíronse expresións homófobas.

Ademais, dúas das testemuñas presenciais --Marco e Pablo Barrón--, que compareceron este mesmo martes ante a prensa no lugar dos feitos, apuntaron a un grupo duns 12 mozos como posibles participantes na malleira.

"TRABALLO RIGOROSO" DA POLICÍA

Tras as tres primeiras detencións, o delegado do Goberno en Galicia aproveitou para agradecer o "traballo rigoroso" realizado nas últimas xornadas pola Brigada Provincial da Policía Xudicial da Xefatura de Galicia, xa que "desde o primeiro momento" traballaron "co único fin de levar ante a xustiza aos autores" deste crime.

Así, Miñones volveu a apelar "á responsabilidade e á prudencia" para deixar traballar á Policía Nacional na resolución deste caso: "Debémosllo á nosa sociedade e debémosllo sobre todo á familia de Samuel".

Fotografías e notas escritas no altar colocado na beirarrúa onde foi golpeado Samuel, o mozo asasinado na Coruña o pasado sábado 3 de xullo, a 6 de xullo de 2021, na Coruña, Galicia, (España). Familiares, amigos, e veciños organizaron este a o. M. Dylan - Europa Press
Fotografías e notas escritas no altar colocado na beirarrúa onde foi golpeado Samuel, o mozo asasinado na Coruña o pasado sábado 3 de xullo, a 6 de xullo de 2021, na Coruña, Galicia, (España). Familiares, amigos, e veciños organizaron este a o. M. Dylan - Europa Press

MARLASKA DECLARA QUE ESTÁN "ABERTAS TODAS AS HIPÓTESES"

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, insistiu este martes que están "abertas todas as hipóteses" tras o tres detencións pola morte violenta de Samuel, o mozo de 24 anos que faleceu ao recibir unha malleira na Coruña nunhas circunstancias que os seus amigos vinculan cunha agresión na que puido mediar unha motivación pola súa orientación sexual.

"A operación segue aberta e non se descartan novas detencións", comentou o ministro do Interior, que dixo que descoñecía se os mozos detidos, tres veciños da Coruña de entre 20 e 25 anos, tiñan antecedentes, ao ser unha investigación sobre a que segue declarado o segredo.

Grande-Marlaska apuntou que "tamén segue aberta totalmente calquera hipótese". "O que si pido aos medios de comunicación, en sucesos como estes tan graves e de tal entidade, é que deixemos traballar con acougo á Policía Nacional. Están a facelo dunha forma relevante desde o mesmo momento do asasinato", salientou.

"Estamos a analizar, estudando e traballando baixo a dirección da fiscal e do xuíz titular do xulgado competente da Coruña", engadiu antes de insistir na importancia de reunir "todos os elementos incriminatorios e aqueloutros que poden determinar o acontecido e a intención dos supostos autores".

"O mellor para ter unha instrución suficientemente seria e ben armada é deixar traballar co acougo suficiente", respondeu ao ser preguntado sobre outras cuestións sobre a análise das imaxes das cámaras da rúa onde ocorreu a agresión na madrugada do sábado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta