Galicia contribúe a novos avances para o prognóstico da covid-19

Investigadores do Sergas identifican factores de risco para unha evolución grave da infección; outro estudo estatal, con participación galega, afonda nas características da embolia pulmonar en pacientes con covid-19.

Por Galicia Confidencial | | 10/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Mentres a pandemia de covid-19 semella remitir nos países onde se está vacinando masivamente a poboación, a comunidade científica segue producindo novo coñecemento sobre o coronavirus SARS-CoV-2. En Galicia, 18 investigadores do Servizo Galego de Saúde (Sergas) publican un novo estudo no que identifican os factores de risco asociados a resultados graves en pacientes hospitalizados en Galicia con covid-19.

Equipos de respiración instalados nas UCI para facer fronte á covid-19
Equipos de respiración instalados nas UCI para facer fronte á covid-19 | Fonte: EFE.

O estudo realizouse con datos de oito hospitais galegos de todos os pacientes ingresados ​​con pneumonía por covid-19 confirmados do 1 de marzo ao 24 de abril de 2020, durante a primeira onda. En total, 1.292 pacientes, cunha media de 68,8 anos.

As principais comorbilidades preexistentes nestes pacientes foron a hipertensión arterial (49,7%), a diabetes mellitus (20,2%), a cardiopatía isquémica (12,6%) e a fibrilación auricular (12,5%).

“Na nosa poboación, os corticoides e o tocilizumab empeoran o prognóstico dos pacientes con pneumonía covid-19”, destacan.

Por outro lado, a media de días desde o inicio dos síntomas ata o ingreso foi de 7,5, sendo os síntomas máis comúns febre (77,6%), tose (74,5%) e dispnea (53,3%). E 216 pacientes (16,7%) presentaron insuficiencia respiratoria.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

Do total de 1.292 pacientes, 225 (17,4%) faleceron, 149 (11,5%) foron trasladados á Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e recibiron ventilación mecánica, e 327 (25,3%) ou faleceron ou precisaron ventilación mecánica. O tempo medio desde o ingreso ata a ventilación mecánica foi de dous días, e a da estancia hospitalaria foi de 10 días.

Os predictores de mortalidade ou necesidade de ventilación mecánica foron a idade, os niveis de proteína C reactiva (PCR), o índice de comorbilidade de Charlson e a prescrición de hidroxicloroquina, corticoides sistémicos e tocilizumab.

“Identificamos predictores de malos resultados (necesidade de ventilación mecánica ou morte no hospital) en pacientes ingresados ​​con pneumonía por Covid-19: vellez, saturación de osíxeno baixa, valores altos de PCR, preexistencia de comorbilidades e uso de corticoides sistémicos e tocilizumab. A prescrición de hidroxicloroquina asociouse cun resultado favorable”, detallan os investigadores galegos.

CONTROVERSIA COS CORTICOIDES

Os autores do estudo salientan, entre os seus achados, o feito de que “os antiinflamatorios (corticoides sistémicos e tocilizumab) teñen un impacto negativo no prognóstico, incluso despois de axustarse a outros factores de risco potenciais”.

“Na nosa poboación, os corticoides e o tocilizumab empeoran o prognóstico dos pacientes con pneumonía covid-19”, destacan.

Ao respecto, recordan que “no período temperán da pandemia, algúns expertos influentes recomendaron non usar corticosteroides sistémicos en pacientes con pneumonía covid-19, baseándose na falta de evidencias, os resultados negativos observados na pneumonía por gripe e o deficiente aclaramento viral [ou eliminación] do SARS-CoV”.

Pero logo, “varios estudos cun deseño observacional (retrospectivo ou prospectivo) deron resultados contraditorios, algúns reportando un impacto positivo na supervivencia, mentres que outros concluíron o contrario”, expoñen os investigadores galegos.

Os expertos do Sergas atoparon "un efecto protector da hidroxicloroquina sobre a mortalidade ou a necesidade de ventilación mecánica”

Tendo en conta todas as evidencias científicas dispoñibles, estes expertos consideran que “o papel dos corticoides segue sendo controvertido en pacientes non críticos que precisan osíxeno suplementario”.

“Estudos publicados recentemente parecen indicar que o tocilizumab ten beneficios adicionais para os corticoides en pacientes con enfermidade clínicamente progresiva, mentres que este tratamento non resultou nunha mortalidade significativamente menor que o placebo cando se administrou como monoterapia na maioría dos pacientes incluídos”, explican.

Pola contra, atoparon "un efecto protector da hidroxicloroquina sobre a mortalidade ou a necesidade de ventilación mecánica”, algo que contradí os resultados obtidos no ensaio Recovery, da Universidade de Oxford (Reino Unido), no que se informou que “os resultados exclúen de xeito convincente calquera vantaxe significativa de mortalidade da hidroxiclorochina en pacientes covid-19 hospitalizados”, resaltan os investigadores galegos.

En todo caso, aclaran que “os datos capturados reflicten o estado clínico dos pacientes no momento do ingreso, pero esta situación cambia co paso do tempo, algúns pacientes melloran e outros empeoran, e isto seguramente inflúe na decisión do médico de prescribir ou non un medicamento determinado”.

Por outro lado, resaltan do seu estudo que “178 dos 225 pacientes falecidos non recibiron ventilación mecánica, pero a toma de decisións non estivo influenciada pola falta de recursos da UCI e aplicáronse criterios clínicos baseados na probabilidade de supervivencia en cada caso”.

Neste sentido, din non ter “coñecemento de estudos previos que informen da asociación entre a carga hospitalaria e a mortalidade en pacientes con covid-19”, algo que consideran “verosímil, porque os hospitais funcionan peor cando están saturados”.

Estes descubrimentos, din, “poden axudar a identificar os pacientes ingresados ​​no hospital con maior risco de morte e poden instar ás autoridades sanitarias a aplicar políticas destinadas a reducir as mortes, aumentando a dispoñibilidade de camas hospitalarias”. Mentres que “os resultados relativos á eficacia dos tratamentos deben interpretarse con precaución”, admiten.

EMBOLIAS PULMONARES

Outro grupo de investigación vén de publicar un novo estudo sobre a incidencia, os factores de risco, as características clínicas e os resultados da embolia pulmonar en pacientes con covid-19 que ingresaron por urxencias.

Nestes estudo, asinado por 30 investigadores, participaron 62 centros hospitalarios de toda España, incluídos o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

A mortalidade entre pacientes con embolia pulmonar é o dobre nos infectados con covid-19 que nos non contaxiados

Os investigadores revisaron os datos dos pacientes covid-19 diagnosticados de embolia pulmonar durante a primeira onda de covid-19. En total, identificaron 368 enfermos con embolia pulmonar entre un total de 74.814 pacientes con covid-19 atendidos en Urxencias (4,92 %).

“A incidencia estandarizada de embolia pulmonar na poboación covid-19 resultou en 310 por 100.000 persoas-ano, significativamente superior á observada na poboación non covid-19 (35 por 100.000 persoas-ano)”, detallan.

Os investigadores identificaron “varias características” en pacientes covid-19 que se “asociaron de forma independente coa embolia pulmonar”, sendo as principais os niveis de dímero D por enriba de 1.000 ng/ml e dor torácica, nos que se observou unha asociación directa, e insuficiencia cardíaca crónica, cunha asociación inversa (a proba do dímero D é unha análise de sangue que busca esa substancia e que se usa para descartar a posibilidade de que se teña un coágulo sanguíneo ou un ataque cerebral; se o coágulo se despraza aos pulmóns, denomínase  embolia pulmonar).

Os autores do estudo destacan tamén que os pacientes covid-19 con embolia pulmnonar diferían dos pacientes tamén con enfermidade tromboembólica venosa pero sen covid-19, en 16 características, “máis directamente relacionadas coa infección” causada polo coronavirus SARS-CoV-2, apuntan.

Algo chamativo é que “a embolia pulmonar en pacientes con covid-19 afectou arterias pulmonares máis pequenas que en pacientes non covid-19, aínda que a disfunción do ventrículo dereito foi similar en ambos os grupos”, explican os investigadores.

En canto á mortalidade hospitalaria, foi similar en pacientes con covid-19 sen e con embolia pulmonar (16,6% vs 11,4%), pero superior á dos pacientes con embolia pulmonar e sen covid-19 (16,6% vs 6,5%).

“A mortalidade foi alta –un de cada seis pacientes faleceu durante a hospitalización–, sendo máis do dobre do número observado na poboación xeral (non covid-19) con embolia pulmonar”, pormenorizan.

“A incidencia da embolia pulmonar é aproximadamente nove veces maior que na poboación xeral (non covid-19)”

En definitiva, aínda que a embolia pulmonar en pacientes con covid-19 que ingresan por Urxencias “é inusual (aproximadamente o 0,5%)”, e aínda que por si soa “probablemente non aumenta a mortalidade hospitalaria da poboación covid-19”, os investigadores destacan que “a mortalidade é maior nestes que nos pacientes con embolia pulmonar e sen COVID-19” e “a incidencia da embolia pulmonar é aproximadamente nove veces maior que na poboación xeral (non covid-19)”.

 INCIDENCIA DE EVENTOS TROMBÓTICOS E HEMORRÁXICOS

Segundo unha revisión sistemática de 49 estudos que suman máis de 18.000 pacientes, o 7,8% dos hospitalizados por covid-19 sufriron embolias pulmonares. O estudo, publicado a finais de 2020, foi realizado por investigadores do CIBER de Enfermedades Respiratorias (CIBERES) e do Hospital Ramón y Cajal, en Madrid.

A revisión tamén identificou que o 17% das persoas hospitalizadas por covid-19 sufriu un evento trombótico venoso (trombose venosa profunda e/ou tromboembolia de pulmón), con maior risco nos ingresados en UCI, onde a prevalencia alcanza ao 27,9% dos pacientes.

Como explican desde o CIBERES, a covid-19 produce unha patoloxía respiratoria grave, pero tamén causa manifestacións importantes fóra do tecido pulmonar. A evidencia acumulada indica que, entre outros efectos, pode predispoñer os pacientes a eventos tromboembólicos venosos, debido á hipoxia (estado de deficiencia de osíxeno no sangue), inflamación excesiva ou activación plaquetaria, entre outros.

Ademais dun maior risco de trombose, os pacientes con covid-19 poden ter risco de sangrado aumentado,

A enfermidade tromboembólica venosa caracterízase pola formación dun coágulo sanguíneo, habitualmente no interior dunha vea profunda das pernas. En ocasións, estes coágulos despréndense e alcanzan a árbore arterial pulmonar, orixinando unha tromboembolia de pulmón.

Ademais deste maior risco de trombose, os pacientes con covid-19 poden ter risco de sangrado aumentado, debido a factores como os desequilibrios na produción e destrución de plaquetas, o consumo de factores de coagulación no contexto dunha inflamación grave e o uso de axentes antiplaquetarios ou anticoagulantes.

“A estimación da incidencia de eventos trombóticos e hemorráxicos en pacientes con covid-19 é fundamental para prognosticar mellor os pacientes, e para considerar estratexias que diminúan a súa incidencia e os efectos derivados nos pacientes”, explicou David Jiménez, xefe de grupo do CIBERES no Hospital Ramón y Cajal que liderou o estudo. Este traballo incluíu estudos procedentes de calquera área xeográfica mundial publicados do 1 de xaneiro ao 31 de xullo de 2020 que avaliaron a incidencia de eventos  trombóticos venosos e/ou hemorraxias en pacientes hospitalizados por covid-19.

Os resultados desta metaanálise lanzaron unha incidencia combinada de eventos  trombóticos venosos do 17,3% en pacientes ingresados polo virus. En concreto, analizando os casos de tromboses venosas profundas, estas afectaron ao 12,1% dos pacientes; e un 7,8% sufriron  embolias pulmonares. Doutra banda, a incidencia foi moi desigual en función do nivel de gravidade dos pacientes, chegando a incidencia nos ingresados en UCI ao 27,9%, fronte ao 7,1% de pacientes internados en unidades de hospitalización convencionais.

Por outra banda, a análise de datos segmentados por áreas xeográficas recolleu unha incidencia de eventos trombóticos do 17,9% en Europa, do 23,7% en Asia e do 9,5% en América do Norte.

En canto á ocorrencia de episodios hemorráxicos, observáronse no 7,8% dos casos analizados, en gran parte relacionados co uso de doses elevadas de anticoagulantes. “As taxas tanto de tromboses venosas como de hemorraxia son relevantes e merecen atención urxente para avaliar o seu significado clínico e para deseñar estratexias preventivas e terapéuticas que melloren a supervivencia dos pacientes hospitalizados por covid-19”, sinalou David Jiménez. “Desde unha perspectiva práctica, é importante identificar os réximes de tromboprofilaxes con mellor balance risco/beneficio en todo o espectro de pacientes con covid-19, incluídos os pacientes ambulatorios, os pacientes hospitalizados en unidades médicas e os pacientes en estado crítico”, engade.

Neste sentido, o investigador apuntou a necesidade de estudos adicionais neste campo “para comprender a utilidade de terapias antitrombóticas ou inmunomoduladoras máis potentes para mitigar de maneira segura o risco de eventos trombóticos e a mortalidade asociada”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta