A asociación ALAS pide ao Concello da Coruña que decrete o loito oficial polo asasinato de Samuel

"Este asasinato non pode quedar impune", advirten.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/07/2021 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) solicitou ao Concello da Coruña que decrete o loito oficial pola morte de Samuel, falecido na madrugada deste sábado tras recibir unha malleira na Avenida de Buenos Aires .

Concentración na praza de María Pita da Coruña convocada por colectivos LGTBI para reclamar xustiza para Samuel, o mozo que recibiu unha malleira mortal na Coruña
Concentración na praza de María Pita da Coruña convocada por colectivos LGTBI para reclamar xustiza para Samuel, o mozo que recibiu unha malleira mortal na Coruña | Fonte: M. DYLAN (Europa Press).

A organización mostrou a súa confianza en que o traballo de investigación dos corpos policiais "sirva para levar aos responsables ante a xustiza". "Este asasinato non pode quedar impune e desde ALAS A Coruña e o seu observatorio faremos canto sexa necesario para que así sexa", sinalou a asociación.

ALAS agradeceu tamén o apoio recibido e fixo especial referencia á concentración do pasado luns en María Pita. "A pesar de todo, ver o luns a praza chea ata desbordar esixindo xustiza para Samuel e escoitar os atronadores aplausos conmóvenos e énchenos de esperanza", remarcou ALAS, que destacou ademais que a manifestación coruñesa non foi un feito illado, senón que "ese berro percorreu o país de norte a sur".

Ademais dos participantes nas manifestacións, ALAS quixo "estender o agarimo e agradecemento" aos amigos de Samuel que, "a pesar da dor, non dubidaron en alzar a voz para relatar a verdade dos feitos fronte a quen relativizan e minimizan a LGTBIfobia".

A asociación sinalou que a concentración serviu ademais "para cumprir a vontade do pai de Samuel: que a xente colaborase doando alimentos para a Cruz Vermella". Ás informou de que se reuniron máis de 200 quilos de alimentos, "que proban que A Coruña é unha cidade solidaria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta