A realidade do rural... sen pediatra público a menos de 50 km e con liñas de alta tensión a 15 metros

En Forcarei no verán non hai pediatras pero pronto, se cadra, si liñas de alta tensión e muíños de vento. A veciñanza ten unha sospeita: quitar servizos contribúe a forzar o éxodo para permitir o espolio.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/07/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un dos fillos de Manuel Villaverde comezouse a queixar o pasado domingo de que lle doía un ouvido e tiña un pequeno catarro. Déronlle a importancia xusta, os antinflamatorios que se lle dan a calquera neno nesas circunstancias, ata que o luns pola mañá empeorou moito e decidiron levalo ao pediatra. Como en Forcarei no verán non hai pediatras e como non lle collían o teléfono no centro de saúde e de xeito telemático dábanlle cita para o mércores, foron ao centro médico sen cita e dixéronlles que foran ás Urxencias de Pontevedra. Ao final foron a un pediatra de pago do lado, na Estrada, porque Pontevedra queda a uns 50 minutos e "non dabamos feito porque temos dous fillos e unha granxa".

Parque eólico. NATURGY - Arquivo
Parque eólico. NATURGY - Arquivo

Manuel Villaverde ten unha granxa de vacas leiteiras e pronto, se cadra, liñas de alta tensión a 15 metros da estabulación e un dos tres muíños do Tramontana, de 200 metros de alto e cun diámetro de 150, a 800 metros da súa casa. "Ningunha das cousas é boa pero sabemos dos efectos que teñen as liñas de alta tensión sobre a saúde,  e sobre o chan, se non é delito será algo moi similar", pensa.  

Ambos os sucesos, un xa acontecido e reiterado e outro reiterado tamén pero por acontecer, narran cousas ben distintas pero que Manuel Villaverde conecta nunha idea: quitar servizos contribúe a forzar o éxodo para permitir o espolio.

"Hai xente para a que é algo máis que unha sensación, que o teñen moi claro, outros temos a sensación e cada vez deixa máis de ser unha sensación e pasa ser algo máis claro, porque son demasiadas cousas...a falta de servizos, as continuas faltas de resposta, demasiadas cousas", di. Que o problema dos eólicos é a veciñanza que se xunta e está disposta a calquera cousa para paralos, engade.

Os veciños de Forcarei, conta, ven como se acordan do rural para os megaproxectos eólicos pero non para cubrir unha praza. "O pediatra noso vén tres días á semana, das cales unha das mañás é só media mañá, iso é o normal e polo que levamos protestando anos, pero díxosenos sempre que como non había suficientes nenos non podiamos ter un bo promedio de pediatras", explica. Iso durante a maior parte do ano pero agora, coa chegada do verán, ningún pediatra: "todos os anos é igual".

E que non hai suficientes nenos para pór pediatras xustifícase aínda menos no verán, pois segundo di Manuel Villaverde é o momento do ano no que máis nenos hai en Forcarei. "Ademais de que están os nenos todos, veñen os nenos da cidade que teñen familia nas aldeas a pasar parte das súas vacacións, e a maiores temos un campamento infantil que é un dos campamentos interiores máis importantes de Galicia e que tampouco se ten en conta", comenta.

Sobre as respostas que obtiveron todas as veces que protestaron os veciños, non houbo. Os únicos movementos que houbo foron cando, baixo o goberno no concello do PP, contactaron coa Consellería de Sanidade para intentar mellorar a sanidade municipal e "o único que fixeron foi recortar un dos centros médicos dos núcleos urbáns importantes, o de Soutelo de Montes". Agora, di Manuel Villaverde que a corporación actual (do PSOE) fixo un intento para polo menos ter esas tres mañás de pediatra todo o ano e a resposta que recibiron foi que non había pediatras para cubir ese tempo: "non sei se nos hai ou non pero se non os hai por algún motivo é, se cadra terás que facer oposicións ou se cadra terás que pagar mellor a esas persoas que se teñen que desprazar por vir aquí", opina.

"No proxecto do parque eólico que nos afecta aquí pon que é unha zona perfecta para montalo pola súa despoboación. Mentira. Iso é mentira. Nesta zona, exceptuando unha das aulas do colexio tanto de Infancia como no de Primaria, todas as aulas pasan de dez nenos. Hai aulas con vinte e moitos nenos. Hai dous colexios no concello. Non é que digamos que hai un. Non, non, hai dous colexios no concello. As aulas non están cheas pero hai a suficiente vida como para axudala un pouquiño".

Sobre as repostas que obtiveron sobre o proxecto eólico que teñen pensado para as súas terras, tampouco houbo. Aínda que resposta non oficial si: "din que deixemos todo nas súas mans, que non fai falta que fagamos ningún tipo de alegacións en nada, que xa eles se encargan de parar todo isto e de pór coherencia". Despois, di, "atopámonos con que sacan noticias tanto na Galega como en La Voz de Galicia, onde nos falan de que denegan tal ou cal parque eólico e cando analizas un pouco máis en profundidade daste conta de que nin sequera é un informe dunha delegación dun dos organismos da Xunta, simplemente é un informe negativo que forma parte dunha guerra política e que non é vinculante de ningunha maneira para que o parque non se faga".

Manuel Villaverde é veciño de Forcarei e forma parte da asociación Tarabelas naTerra de Montes. Ademais de por pediatras e muíños ten moitas máis cousas polas que protestar porque "o rural é rural para todo". Comezando porque ten unha granxa de vacas de leite e "os prezos son os que son, os máis baixos de España e un dos máis baixos de toda a Unión Europea", e acabando polo cansanzo que produce escoitar "aldea modelo" ou "proxectos de dinamización do rural". Di que "hai cousas que non se poden cambiar, eu non podo ter un cinema do lado da casa, agora, hai un montón de cousas que si se poden cambiar" e di que "o rural non está morto, está vivo, ti solamente lexisla para que poida seguir vivo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta