Feijóo descarta o toque de queda en Galicia e insta aos concellos a cumprir o novo decreto e pechar parques e praias

Pide "responsabilidade" aos mozos para evitar botellóns e xuntanzas incontroladas e evitar, así, "que se deteriore a imaxe" de seguridade sanitaria acadada nos últimos meses.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/07/2021 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, descartou volver ao toque de queda para tentar frear o aumento de contaxios que está rexistrando Galicia --só nunha semana houbo un incremento dun 62% do número de casos--, e apostou por outra medidas, como as que a Xunta acordou esta semana: peche de parques, espazos verdes e praias para evitar botellóns e tamén pedir unha PCR negativa ou certificado de vacinación nos locais de ocio nocturno que estean en situación de restricións medias.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

"Creo que son medidas importantes e contundentes para tentar evitar este aumento de casos", dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta na que volveu pedirlle aos mozos "responsabilidade" porque "estase xogando coa imaxe de Galicia" e  aos concellos que cumpran coas súas obrigas para executar este novo decreto do Executivo autónomico.

Concellos como Santiago anunciaron xa a súa negativa a cumprir estas nomas ante a imposibilidade de poder controlar as xuntanzas e botellóns que se fan en calquera punto da cidade. Unha negativa que incomodou ao presidente galego que lembrou que os botellóns "xa estaban prohibidos antes da pandemia". "O que se trata é de que manter prohibido o que xa estaba prohibido facer e de permitir o que se pode facer --o ocio nocturno-- pero con máis medidas", indicou.

"Santiago sempre foi receptiva a estas medidas", apuntou ao lembrar que, ademais, a capital está a recibir o fluxo diario de 500 peregrinos. "Sería unha pena ter que tomar medidas despois máis drásticas", indicou. Neste sentido, asegurou que as policías locais poden colaborar coa Policía Nacional e a Garda Civil no control dos botellóns. Neste sentido, lembrou que este venres hai convocada unha xuntanza entre as distintas forzas de seguridade do Estado para ver como xestionar esta repunta de casos. 

TOQUE DE QUEDA

Sobre a posibilidade de que as autonomías poidan activar novamente o toque de queda --tal e como avanzou o Goberno español--, Feijóo amosouse contrario xa que, dixo, "a xente non entendería que puxeramos agora máis limitacións". Ademais, recoñeceu que a situación de Galicia, con "cento e pico casos por 100.000 habitantes non é a mesma que a de Cataluña con 490", expuxo. 

"Se a UCI ou as hospitalizacións se incrementaran pois habería que analizar a situación, pero o protocolo do Comité Clínico da Xunta non mide só un indicador, senón moitos", indicou ao tempo que recoñeceu que hai "intranquilidade". "E por iso fixemos estas propostas máis restrictivas cos botellóns e ocio nocturno e agora tamén lle pedimos á xente que teña máis responsabilidade para non ter que dar marcha atrás", indicou. 

En todo caso, tamén dixo que "xurídicamente" sería complicado volver ao toque de queda xa que, aínda que esa posibilidade está aberta e cada autonomía pode acollerse a ela, "tería que ter unha motivación e unha xustificación moi clara xa que, xurídicamente, podería ser moi discutible", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lad

O gran xestor pasándolle a pataca quente ás demáis administracións, niso é un xenio.