Sanidade di que non hai "causa-efecto" de lecer nocturno e casos de Covid en Galicia

Comesaña asegura que a posibilidade de limitar a mobilidade nocturna "está sempre aberto a estudo" e "hai que ver como evolucionan as cousas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou este venres que en Galicia non hai na actualidade "causa-efecto" entre a apertura dos locais de lecer nocturno e o aumento de casos de Covid-19, pero advertiu de que "pode chegar a ela". Preguntado nunha visita ao Hospital do Barbanza, en Ribeira, sobre a petición dalgunhas comunidades de pechar o lecer nocturno, o titular de Sanidade lembrou que na última reunión co Ministerio lles trasladaron que contan con "medidas suficientes para usar".

Ademais, no caso concreto de Galicia resaltou que o lecer nocturno reabriu "o día 1 de xullo e de modo tímido". Deste xeito, incidiu en que "as persoas do sector decidiron ser moi prudentes". Neste sentido, reiterou que "non leva nin unha semana aberto". "Non vemos a día de hoxe asociación entre situación e lecer nocturno porque non leva nin unha semana aberto", comentou Comesaña, quen engadiu que entende que comunidades que "levan máis tempo" poidan "ter relación causa-efecto e decidan abordalo". "De momento, nós non estamos nesa situación, pero podemos chegar a ela", advertiu.

MOBILIDADE NOCTURNA

Así mesmo, a preguntas dos medios en relación á limitación da mobilidade nocturna exposta por algunhas comunidades, o titular de Sanidade sinalou que "hai unha porcentaxe moi alta de poboación vacinada que pode ter unha mobilidade non limitada", polo que, ao seu xuízo, "parece complicado limitar toda a poboación por iso". No entanto, o responsable da carteira sanitaria en Galicia asegurou que se trata dese aspecto "está sempre aberto a estudo" e avogou por "ver como evolucionan as cousas".

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, en rolda de prensa.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, en rolda de prensa.. XUNTA | Fonte: Europa Press

MENSAXE Á MOCIDADE

O conselleiro de Sanidade tamén animou a mocidade a "manter ese pequeno esforzo" para evitar contaxios de Covid-19 porque "queda pouco tempo". Comesaña recalcou que a situación pola pandemia "segue sendo preocupante" e "seguen crecendo os casos". No entanto, valorou que "a hospitalización é contida" e "mantense estable, apenas cambia". "Hai que ser prudentes, preocupa a situación dos hospitalizados e que poidan crecer", engadiu.

Por iso, insistiu nas "medidas de protección", tanto entre a poboación vacinada como a que non o está, como manter distancia, o uso de máscara, así como "ir máis a espazos exteriores que interiores". Sobre os vacinados, avisou de que se comprobou que "hai risco de contaxiar e ser contaxiados".

En relación á poboación nova, o titular de Sanidade subliñou que "non están libres de virus". "Temos mozos ingresados, teñen que telo en conta, aínda que eles non padezan os efectos do virus si que contaxian a pais e avós", explicou, para matizar que "a vacina non ten o 100% de efectividade", polo que "hai que seguir mantendo os criterios". Comesaña ratificou que na actualidade se rexistra unha "porcentaxe máis alta en xente nova que dá positivo", polo que defende "insistir onde está o foco; nos contaxios da xente nova".

Deste xeito, reiterou que apostan por "precintar todos eses espazos onde se fai botellón". Así, aclarou que non se trata de pechar todas as prazas, parques e praias, senón que a medida "vai a orientada a actuar onde se producen aglomeracións de xente nova". "Busca incidir nas concentracións onde non se cumpre nin distancia nin uso de máscara", sostivo.

CRIBADOS

Ao mesmo tempo reivindicou os cribados que realiza Galicia, para incidir en que "é das comunidades que máis probas diagnósticas fixo e segue facendo". Por iso, anima a todo o mundo que sexa citado a que acuda ao test. Neste sentido, comentou que en Galicia existe "unha estrutura moi potente para poder cribar á xente" e insistiu aos convocados que "é imprescindible que acudan". Tamén agradeceu ás oficinas de farmacia que colaboren co test que facilitan.

VACINAS

Tras realizar un recoñecemento a "todas as persoas que participan na campaña de vacinación", distinguidas coa Medalla de Galicia, valorou que o labor destas leva a Galicia "a ser unha das primeiras comunidades con máis persoas con pauta completa". "Gustaríanos ter máis vacinas, non temos vacinas para vacinar a toda a poboación", lamentou o conselleiro, quen afirmou que Galicia non ten "ningún problema de estrutura, senón de ter vacinas". Por iso, pediu "desculpas á xente nova por non telas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta