A Catedral de Santiago estrea iluminación interior con máis de 700 luces

O arcebispo destaca que esta actuación, a cargo de Iberdrola, supón a "culminación" á renovación do templo para o bienio xacobeo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2021 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

A Catedral de Santiago inaugurou este venres a súa renovada iluminación interior, que consta de máis de 700 luminarias, 36 lámpadas deseñadas en exclusiva e focos específicos para o Pórtico da Gloria, no marco dun proxecto a cargo de Iberdrola realizado durante os dous últimos anos.

Nova iluminación da Catedral de Santiago
Nova iluminación da Catedral de Santiago | Fonte: Europa Press.

Neste acto participaron, entre outros, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o delegado do Goberno, José Miñones; o arcebispo de Compostela, Julián Barrio; o deán da Catedral, José Fernández Lago; o arquitecto Ignacio Valero, responsable dos traballos; e o cóengo director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

Durante a súa intervención, o presidente de Iberdrola destacou que esta actuación "no máis universal dos monumentos de Galicia" supón "un dos fitos fundamentais" do Programa de Iluminacións da compañía en edificio emblemáticos do país.

Así, Sánchez Galán subliñou que é "unha verdadeira honra" para Iberdrola contribuír a esta mellora "coa mesma emoción que miles de devotos ao chegar a Santiago", "destino de todas as rutas de maior peregrinación da cristiandade e centro neurálxico de tantos movementos artísticos e culturais desde a Alta Idade Media".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu o traballo "magnífico" de Iberdrola para que o Xacobeo "irradie con intensidade renovada" desde o seu "epicentro máis emblemático". E é que considera que a catedral é o "lugar idóneo para falar de luz e luminosidade en todas as súas acepcións".

Nunha toma da palabra na que enxalzou os valores xacobeos de "convivencia", Núñez Feijóo definiu ao Camiño como un "fito luminoso na historia galega, española e europea".

Igualmente, Feijóo referiuse ao "maratón" técnico para a restauración do templo compostelán, "un dos esforzos de conservación máis grandes da historia recente do país", cun investimento de 24 millóns.

Xunto a isto, o titular do Executivo autonómico resaltou que a renovación da Catedral de Santiago terá continuidade no Plan Catedrais 2021-2027 para a conservación das cinco catedrais galegas, así como outros templos.

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, agradeceu o traballo da Fundación de Iberdrola na "casa de Santiago, que é referente luminoso para todo o mundo".

Así, valora esta actuación como unha "culminación" ao "longo e fecundo" proceso de restauración da catedral". Por iso, remarca que este bienio xacobeo debe "marcar a senda" do próximo Ano Santo, en 2027.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago dixo que este é un "día de alegría e agradecemento" para ter unha catedral restaurada "como nunca a viu ningunha xeración anterior", "percibindo cousas que ningunha das xeracións anteriores tivo oportunidade de percibir". "Estamos a ver cousas que nunca viramos", valorou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta