Do Xacobeo á AP-9: o PPdeG denuncia "un decálogo de agravios" a Galicia do Goberno de Pedro Sánchez

Tellado acusa o presidente socialista de "vingarse de Galicia" porque "non lle vota nin lle serve para manterse na Moncloa".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2021 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, debullou en rolda de prensa "un decálogo de agravios" a Galicia por parte do Goberno de Pedro Sánchez, ao que acusou de "pór ao Estado ao servizo do PSOE". Así, situou á Comunidade galega como "unha das súas principais vítimas pola vinganza" dun mandatario contra un territorio que "non lle vota nin lle serve para manterse na Moncloa".

Miguel Tellado, acompañado de José Manuel Barreiro e Marta González
Miguel Tellado, acompañado de José Manuel Barreiro e Marta González | Fonte: PPdeG.

Acompañado pola deputada estatal Marta González e polo senador José Manuel Barreiro, que analizaron a situación en cada unha das Cámaras, empezou a súa intervención lembrando os Orzamentos Xerais do Estado, unhas contas "co menor investimento en Galicia dos últimos 15 anos". Os dirixentes populares suxeriron que o Goberno penaliza a Galicia mentres "premia" os seus "socios".

Así, Tellado tamén incidiu na "repartición inxusta" dos primeiros plans vinculados dos fondos europeos, que "non atendeu a criterios obxectivos senón partidistas, recompensando ou pagando o acordado cos socios que puxeron a Sánchez no Goberno".

A continuación, aludiu á "negativa a pagar as débedas contraídas polo Estado con Galicia", como os máis de 200 millóns de euros das liquidacións do IVE que agora o Tribunal Supremo lle obriga a pagar, fallando a prol da Xunta, e afeou que o PSdeG se puxese "ao lado" do Executivo de Sánchez e non de Galicia.

O "bloqueo" á lei de saúde galega, co recurso ante o Tribunal Constitucional contra parte do seu contido, foi incluído polo secretario xeral do PPdeG no seu "decálogo" de agravios. Así, ironizou con que Sánchez é "a versión modera do Can do Hortelano". "Nin lexisla, nin deixa lexislar. Nin xestiona, nin deixa xestionar", esgrimiu.

Ademais do "atraso" nas bonificacións comprometidas para as peaxes da AP-9, Tellado tamén denunciou a actitude dos socialistas no debate sobre a transferencia da autoestrada. "O PSOE simplemente pretende traspasar a responsabilidade da explotación da autoestrada, sen ningunha capacidade de xestión, algo contrario ao acordado por unanimidade no Parlamento", dixo.

E aludiu ao abandono de grandes infraestruturas (autovías fundamentalmente) comprometidas e ao atraso do AVE, pero tamén puxo o foco na "desastrosa política enerxética e industrial" (con exemplos como Alcoa ou o futuro no aire de Ence) do Executivo e no "afundimento de Navantia".

Na mesma liña, referiuse á "lesiva lei de cambio climático", ao "ataque á autonomía fiscal galega" en asuntos como a regulación das herdanzas en vida, e o "desprezo" ao Xacobeo.

Tellado censurou o "abandono" ao Xacobeo 2021-2022, "un desprezo" --dixo-- a unha celebración "recoñecida en todo o mundo" á que o Executivo central "lle nega a colaboración e o cofinanciamento do Estado, perdendo a ocasión de impulsar un elemento turístico único, seguro e sustentable como o Camiño de Santiago".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta