A ciencia mostra a vía para a convivencia entre humanos, lobos e gando

Os estudos máis recentes aportan datos e solucións para acadar un equilibrio entre a protección do 'Canis lupus' e os intereses dos gandeiros.

Por Alberto Quian | Madrid | 22/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O debate sobre o lobo ibérico ten catro arestas: a política, a económica, a ecolóxica e a científica. Na política, as comunidades autónomas ao norte do Douro –Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria, que acollen máis do 95% do total de exemplares de Canis lupus– manteñen un pulso co Goberno central pola modificación da orde que permitirá incluír o lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de protección Especial (Lespre) e, polo tanto, a súa caza quedará prohibida; no económico, os gandeiros apelan a “enormes perdas” por ataques destes animais ao gando; mentres, os ecoloxistas defenden a protección desta especie e consideran esta reforma unha vitoria fronte aos cazadores. Pero que di a voz máis autorizada, a ciencia, á que todos mencionan?

Unha femia de lobo cos seus cachorros.
Unha femia de lobo cos seus cachorros.

Un estudo afirma que o nordés de Galicia ten unha das maiores densidades mundiais de lobos

En canto á poboación, existe un debate sobre se son moitos ou pocos os exemplares que existen na península ibérica. Un censo recente sostén, por exemplo, que o nordés de Galicia ten unha das maiores densidades mundiais de lobos. Concretamente, estímase que o norte da provincia de Lugo e o extremo nordés da Coruña rexistran 22 mandas de lobos potencialmente reprodutores, segundo un estudo dos biólogos Pedro Alonso, David Martínez e Miguel Hevia, cuxos resultados foron publicados en maio deste ano na revista científica Recursos Naturais, editada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago.

A mostraxe realizouse durante 2019 e 2020 nunha superficie de 2.900 quilómetros cadrados. Durante ese tempo observouse a existencia de 16 familias reprodutoras que se suman aos seis grupos contabilizados no último censo da Xunta, que compilaba información de 2013, 2014 e 2015.

Os investigadores tamén observaron a presenza doutros individuos solitarios nesa área, onde calculan unha densidade de entre 4,99 e 11 exemplares por cada 100 quilómetros cadrados, cunha densidade media de entre 5 e 7. Isto é, un dos valores “máis elevados en toda a área de distribución mundial da especie”, afirman.

Lobo Ibérico
Lobo Ibérico | Fonte: ANA RETAMERO PARA WWF.

“O lobo ocupa na actualidade toda a península da Capelada, o val do río Mera e as terras do Barqueiro cara á Estaca de Bares. Noutras áreas nas que o censo de 2013-15 non detectara indicios, o presente traballo localizou indicios de presenza e obtivo evidencias da existencia de grupos familiares (caso das serras da Faladoira e Coriscada e áreas como O Vicedo ou A Mariña Oriental)”, detallan.

Para estes expertos, “cabe cuestionarse”, por exemplo, “se un nivel de presenza do lobo como o aquí exposto se traduce nunha maior recorrencia de danos e nunha resposta social que poida poñer en perigo a persistencia do réxime tradicional de cría de cabalos en liberdade, sistema xa na actualidade afectado por distintas políticas sectoriais comunitarias e autonómicas”.

Na veciña Asturias, outro estudo recente de investigadores da Universidad de Oviedo analizou a presenza do lobo ibérico na Montaña Central Asturiana, “mostrando a elevada capacidade de adaptación desta especie á presenza humana no seu actual proceso de expansión”.

“A análise dos danos producidos á gandería polo lobo entre 1997 e 2016 no concello que inclúe a área estudada, mostra un incremento progresivo aínda que con altibaixos, encaixando no patrón global que evidencian outros estudos de danos para toda a comunidade autónoma de Asturias”, explican.

Os autores do traballo atoparon que entre outubro de 2016 e abril de 2017, “os ataques na área de estudo centráronse en áreas baixas e nas inmediacións de núcleos rurais”.

Sobre a dieta desta especie na área estudada, “mostra o alto impacto dos lobos sobre o gando menor e especialmente sobre o ovino, que representa o 48% dos restos atopados entre os excrementos”, describen.

"As evidencias detectadas xunto coas imaxes captadas proban a completa adaptación da especie á presenza humana"

Entre a fauna salvaxe, o estudo destaca como presa preferente do lobo o xabaril, un ungulado que ten unha alta presenza na área de estudo, como indican os investigadores.

Estes expertos destacan que “durante esta investigación, as evidencias detectadas xunto coas imaxes captadas proban a completa adaptación da especie á presenza humana, que non se mostra como factor limitante nin nas súas pautas de mobilidade e encame, nin nas de depredación”.

Tamén subliñan que “certos procesos secundarios ao abandono da actividade agropecuaria, como o aumento da matriz de arborado–matogueira, poderían estar a favorecer o proceso de recolonización do lobo”.

O certo é que na comunidade científica existe a idea de que o progresivo despoboamento das áreas rurais favorece tamén o incremento das poboacións de lobo.

“Para abordar este debate con éxito, a perspectiva meramente bioloxicista debe ser superada, sendo necesaria a incorporación á ecuación do factor socio-territorial”, conclúen.

NECESIDADE DUN CENSO ACTUALIZADO

Segundo a Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico (ASCEL), os grupos de lobos en España habitualmente ocupan territorios que oscilan entre os 100 e os 500 km2.

O tamaño medio de grupo no verán estimouse en 4 cachorros e 3,1 adultos. No inverno, o tamaño medio das mandas é de 4,2 exemplares.

“Esta cifra que determina cientificamente o tamaño de grupo para os lobos ibéricos é o indicador estándar que se debería utilizar para inferir comparacións internacionais de estima poboacional con lobos, posto que os «cálculos de lobos» na esfera internacional efectúanse en período invernal, porque así se subtrae a taxa de mortalidade anual dos individuos xuvenís, que é elevada durante o seu primeiro ano de vida (ata un 33%), e porque no inverno a cohesión dos grupos familiares é maior”, explican desde ASCEL.

Os datos oficiais sitúan entre 2.000 e 2.500 os exemplares de lobo ibérico en España, dos cales, máis dun 95% viven ao norte do Douro

Os datos que manexan mostran variacións no tamaño medio de grupo de lobos ibéricos no inverno, desde 4,9 a 3,8 exemplares, a finais desa estación, “o cal é atribuído á mortalidade directa provocada polo ser humano durante ese período”, clarifican.

Os expertos en lobo ibérico salientan que o tamaño medio de grupo de lobos empregado en España é un 30-40% superior ao considerado no ámbito internacional (incluído Portugal) pola ausencia de procedementos descritos concretos, empíricos e  repetibles, condición esencial do método científico”.

“Estas cifras resultan importantes para a comprensión de como se establecen «cotas de lobos» nos plans de xestión da especie en España. Eses plans erixíronse en instrumentos rexionais de amparo legal do control poboacional indiscriminado de lobos no noso país”, rematan.

Os datos oficiais sitúan entre 2.000 e 2.500 os exemplares de lobo ibérico en España, dos cales, máis dun 95% viven ao norte do Douro.

En Galicia, segundo datos da Xunta, pode haber entre 600 e 800 exemplares de lobo ibérico, distribuídos en practicamente todo o territorio, aínda que o censo podería estar desfasado (o último é de 2015).

“O lobo practicamente só está ausente nas áreas urbanas das grandes cidades e a periferia das mesmas, así como algunhas áreas costeiras do norte da Coruña, Lugo e Pontevedra”, segundo o informe da Xunta.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou o 19 de maio deste ano o contrato para a actualización do estudo poboacional do lobo ibérico en Galicia, por un importe de 63.600 euros, á empresa A.RE.NA. Asesores en Recursos Naturales, en Lugo.

O censo do lobo en Galicia está desactualizado, cos últimos datos rexistrados entre os anos 2013 e 2015

Precisamente, especialistas desta empresa asinaron un traballo publicado na revista científica European Journal of Wildlife Research que contén, din, “a información máis extensa e actualizada dispoñible sobre a reprodución do lobo en España ata hoxe”, nun estudo no que colaboraron con investigadores do SaBio Instituto de Investigación en Recursos Cinegéticos (IREC, CSIC-UCLM).

O obxectivo deste servizo, segundo a Xunta, “é actualizar os traballos oficiais de censado que se fixeron entre os anos 2013 e 2015, utilizando a mesma metodoloxía que se empregou entón para así poder facer comparacións”.

Durante os meses de xuño a outubro deste ano levaranse a cabo traballos de campo mediante a realización de itinerarios de seguimento, recollida de excrementos e estacións de escoita-ouveo para a detección de lobo ibérico, sobre 29.000 quilómetros cadrados de superficie censal.

“Galicia considera imprescindible contar con esta información o máis actualizada posible, como necesario aval técnico e científico a calquera decisión que puidese ser adoptada en relación coa modificación do status legal de protección da especie no seu territorio, e non xustamente ao revés, que é o que pretende o Goberno central”, subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Desde a Consellería expresaron que “cómpre recordar que o lobo forma parte do patrimonio natural e cultural da nosa Comunidade, pero ao mesmo tempo xera unha conflitividade relevante co ser humano asociada aos danos que causa ao gando que dá lugar a unha problemática social que pode derivar en problemas de conservación para a especie, polo que esta debe de ser obxecto dunha atención especial”.

BENEFICIOS DA PRESENZA DO LOBO

“Os lobos fan as estradas máis seguras, xerando grandes retornos económicos para a conservación dos depredadores”. Así titulan un recente traballo investigadores estadounidenses do Departamento de Economía da Universidade Wesleyan e do Departamento de Economía Agraria e Aplicada da Universidade de Wisconsin, en Estados Unidos.

Aínda que recoñecen a “difícultade de medir os beneficios económicos dos depredadores”, xa que “moitas veces os efectos son indirectos e operan a través de complexos cambios ecolóxicos”, consideran que si se poden cuantificar beneficios indirectos da presenza do Canis lupus para a vida e a propiedade humana mediante a redución das colisións entre cervos e vehículos pola acción do lobo.

Estudos demostraron que a presenza do lobo aforra gastos por accidentes de tráfico por choques contra fauna silvestre e pode ser un recurso turístico

Estes investigadores cuantificaron como a reintroducción de lobos nunha área de Wisconsin influíu nas colisións de cervos e vehículos en Wisconsin (Estados Unidos). O que observaron foi unha redución dun 24%, obtendo “un beneficio económico 63 veces maior que os custos de depredación do lobo verificada no gando”, expoñen.

“A maior parte da redución débese a unha resposta de comportamento dos cervos aos lobos, en lugar de por un descenso da poboación de cervos pola depredación do lobo”, aclaran.

Este descubrimento cren que apoia a o enfoque do papel dos depredadores na creación dunha “paisaxe de medo”, a cal “suxire que os lobos controlan os danos económicos pola sobreabundancia de cervos dun xeito que os cazadores de cervos humanos non poden”.

O lobo pode ser fonte doutros beneficios económicos. Por exemplo, Pablo Lora Bravo e Arsenio Villar Lama, da Universidad de Sevilla, defenden o turismo enfocado á observación de lobos como unha alternativa viable e beneficiosa para a chamada “España vaciada”.

“O turismo lobeiro propicia polo xeral beneficios para a poboación local en termos económicos, ambientais e socioculturais. A súa compatibilidade co medio e as características intrínsecas da actividade, moi ligadas a un turismo sostible, fresco,  offline, converten a este sector nunha interesante ferramenta para reverter o baleirado demográfico, económico e social dalgunhas áreas de España.

No seu estudo, publicado en Terra: Revista de Desarrollo Local –editada polo Instituto Interuniversitario de Desarrollo Local–, analizaron a actividade turística de observación do lobo ibérico en España como alternativa a outras modalidades turísticas tradicionais en zonas rurais.

“A experiencia propia dentro do sector foi crucial para entender as súas dinámicas e elaborar este traballo”, resaltan.

O desenvolvemento de actividades turísticas ao redor da observación do lobo ibérico supón, para estes autores, “unha serie de impactos tanto positivos como negativos a nivel económico, social, cultural e ambiental”.

“O turismo de observación de lobo parece converterse nunha fonte de ingresos para as comunidades locais"

Tras revisar bibliografía especializada e facer un traballo a pé de campo, comprobaron que, no económico, “o turismo de observación de lobo parece converterse nunha fonte de ingresos para as comunidades locais”.

“Os impactos producidos poden dividirse en impactos económicos directos e indirectos. Os directos obtéñense a partir da estimación da demanda e do nivel de gasto xerado. Esta estimación é en ocasións moi difícil de obter, pois os turistas non sempre recorren a empresas especializadas para levar a cabo a actividade, polo que non existen rexistros exactos, ou realizan a actividade pero non pasan a noite en destino (non aparecendo nas estatísticas oficiais)”, explican.

Os expertos estiman un gasto total ponderado de 56 euros por persoa e día, destinado principalmente a aloxamento, pago de actividades, comidas e combustible. E se se ten en conta que a duración da estancia máis ou menos para os turistas observadores de lobo ibérico é duns 5,2 días, calculan que esta actividade xera anualmente un impacto económico directo de case un millón de euros nas áreas onde se explota este tipo de turismo de natureza.

Estes investigadores tamén falan de “beneficios, desde o punto de vista sociocultural” deste tipo de turismo. “Por unha banda, está a producirse un aumento na calidade de vida das poboacións locais afectadas, debido a que o aumento da demanda está a provocar a desaceleración, e en moitos casos o investimento de tendencia do proceso de despoboamento rural”, afirman.

Neste sentido, consideran que “merecen ser estudados os puntuais crecementos poboacionais dalgunhas localidades especialmente orientadas a este sector”.

“Este factor, xunto cos fortes incrementos poboacionais estacionais derivados da actividade turística, fixo que nos últimos anos estea a promoverse notoriamente a mellora de infraestruturas e servizos en numerosas zonas lobeiras do país, tales como a Serra da Culebra e a cordilleira Cantábrica”. Entre eses beneficios, destacan a “mellora de estradas, de servizos sanitarios, de seguridade ou a aterraxe efectiva de internet”.

No aspecto cultural, salientan que “o aumento do turismo nestas zonas rurais está a promover que elementos fortemente arraigados na cultura destas aldeas, tales como a artesanía, festas tradicionais, gastronomía ou arquitectura vernácula non se perdan”.

Isto, engaden, “débese principalmente á capacidade de complementariedade que o turismo de natureza posúe, o cal fai que eses turistas, ademais de realizar actividades propias como a observación de fauna, tamén dediquen tempo, atención e diñeiro a outros moitos aspectos das zonas visitadas, conseguindo con isto  modelar un tipo de turismo que realmente se pode denominar ecoturismo”.

“Ademais, para a poboación local, o mantemento destes símbolos culturais propios redunda na súa autoestima, ao poder dar a coñecer, con orgullo, estes tesouros aos seus visitantes”, conclúen.

Por último, desde o punto de vista ambiental, consideran que o turismo de observación do lobo en España pode xerar tamén beneficios. “O aspecto detectado máis interesante ten que ver coa educación ambiental, xa que se favorece o coñecemento da especie, animando á súa protección e conservación”, din estes expertos, para os que “estas tarefas de sensibilización e divulgativas son especialmente importantes en especies con mala reputación”, como o lobo.

“Diferentes estudos afirman que o control poboacional da especie empeora a situación, pois desestrutura as mandas de lobos"

No que respecta á gandaría, recoñecen que o aumento de poboación do lobo e a volta deste a zonas onde había décadas desaparecera, provocou a aparición de ataques ao gando, provocando, segundo a organización agraria UPA, “perdas para o sector de arredor dos catro millóns de euros (2018)”.

Tamén lembran que “desde o punto de vista cinexético, o conflito co lobo deriva dos efectos que este exerce en presas como o cervo, o corzo ou o xabaril, diminuíndo as súas poboacións e, por tanto, os beneficios económicos da caza”.

Pero, como tamén recordan estes investigadores, “diferentes estudos afirman que o control poboacional da especie empeora a situación, pois desestrutura as mandas de lobos, tendo estas que recorrer ao gando para alimentarse, ao ser incapaces de facelo das súas presas naturais”.

E é “unha especie imprescindible para a boa saúde dos ecosistemas do noso país debido á función que realiza na cadea trófica”, engaden.

MÁIS PRESAS SALVAXES PARA QUE NON ATAQUEN O GANDO

Unha revisión sistemática das preferencias dietéticas do Canis lupus mostra que esta especie non ataca preferentemente os animais domesticados, senón que prefire presas salvaxes. É por isto polo que os seus autores –das universidades de Friburgo, Sydney e a Estatal de Oregón– cren que unha solución pasa polo “aumento da abundancia de presas salvaxes para reducir a depredación do gando”.

Para estes expertos, “a depredación do gando por grandes carnívoros é a principal causa de conflito, o que desencadea a caza furtiva e matanzas por represalias por parte dos humanos”. Para estes científicos ambientais, “a resolución deste conflito require unha comprensión dos factores que provocan que os grandes carnívoros seleccionen o gando sobre as presas salvaxes” e resaltan estudos que relacionan a densidade de presas salvaxes co nivel de depredación do gando por grandes carnívoros.

Tras revisar e analizar 119 estudos dietéticos do lobo en 27 países para determinar se a presa das especies salvaxes ou a densidade de gando afecta a selección da dieta do depredador, observaron que maiormente prefire presas silvestres.

As presas salvaxes (65% da frecuencia total de aparición en todos os estudos revisados​​sobre a dieta do lobo) foron incluso a elección preferida polo lobo cando o gando era abundante, segundo a literatura científica.

Entre as especies salvaxes, observaron que “as que teñen mecanismos de defensa (cornos, astas, puntas e caninos), con alto peso corporal e presentes en alta densidade, eran máis propensas a ser depredadas polos lobos”.

“Mesmo cando a abundancia de presas afectou significativamente a selección de presas salvaxes, a depredación do gando foi moito menor tendo en conta a súa densidade substancialmente maior. As zonas onde o gando se deixaba pacer libremente en pequenas cantidades (menos de 20 individuo /km2) eran máis vulnerables aos ataques do lobo”, clarifican.

“Medidas de prevención de ataques en pastos e o aumento da abundancia de presas salvaxes podería reducir a depredación do gando por parte dos lobos" 

Con base nos resultados obtidos da revisión da literatura científica –publicados na revista Biological Conservation–, estes autores opinan que “a adopción de medidas de prevención de ataques en pastos e o aumento da abundancia de presas salvaxes podería reducir a depredación do gando por parte dos lobos e, á súa vez, proporcionar mellores oportunidades para a convivencia entre humanos, lobos e gando”.

Co afán de achegar máis coñecemento científico para a “conservación dos lobos nas paisaxes humanas de Europa”, un equipo multidisciplinar de investigadores da Academia Polaca de Ciencias, universidades de Tilburg, Utrecht e Groningen (Países Baixos), Friburgo (Alemaña), Umeå (Suecia) e a Nelson Mandela de Suráfrica ofreceron unha “discusión obxectiva baseada na ciencia sobre posibles enfoques de xestión do lobo”.

Publicado tamén na revista científica Biological Conservation, o seu estudo apela a “unha comprensión baseada na ciencia dos enfoques de xestión do lobo” para ter un debate serio.

E ao igual que no anterior traballo citado, indican que “a separación entre humanos e lobos só parece factible cando existe unha base de presa salvaxe suficientemente grande”. Por iso, instan a “restaurar poboacións de ungulados silvestres para reducir os conflitos humanos-lobo”

Estes autores recoñecen que “a recolonización de lobos en paisaxes europeas dominadas polo home supón un reto para protexer esta especie e xestionar os conflitos”.

“A cuestión de como os humanos poden coexistir con grandes carnívoros a miúdo desencadea emocións fortes”, apuntan sobre o debate político marcado, en parte, por grupos de prensión da gandaría e do ecoloxismo.

Os investigadores desenvolveron catro escenarios potenciais de xestión do lobo: 1) control da poboación, 2) protección e compensación, 3) valados, 4) manexo do comportamento do lobo e do home.

Para cada escenario, discutiron o seu impacto na ecoloxía do lobo, as súas perspectivas de reducir os conflitos humanos-lobo e como se relaciona coa lexislación europea.

“O control da poboación e o valado das poboacións locais de lobos son problemáticos debido aos seus impactos ecolóxicos e conflitos coa lexislación europea. Pola contra, un enfoque sen interferencias non ten estes problemas, pero probablemente aumentará os conflitos humanos-lobo”, expoñen.

 “A presenza de presas salvaxes é o mellor paso cara á mitigación dos conflitos humanos-depredadores, contribuíndo á conservación do lobo ibérico”

Por iso, defenden que “a xestión do lobo debe centrarse en fortalecer a separación entre humanos e lobos influíndo no comportamento de ambas as días especies nunha fina escala espazo-temporal para previr e reducir os conflitos”.

“Como a separación tamén require unha base de presa salvaxe suficientemente grande, instamos a restaurar as poboacións de ungulados silvestres, para reducir os conflitos humanos-lobo. A evasión mutua é a clave do éxito e é fundamental para evitar crear as condicións para restablecer a persecución do lobo como política por defecto en Europa”, conclúen.

En Portugal, outro estudo sobre a dieta do lobo apunta tamén na mesma liña como solución: “Concluímos que a menor depredación do gando pode estar correlacionada con maiores densidades de ungulados salvaxes na nosa área de estudo, así como prácticas adecuadas de gandería, o que leva a un cambio na dieta do lobo ibérico, principalmente do gando en estudos previos, a ungulados salvaxes”, expoñen os autores desta investigación, das universidades de Aveiro e Lisboa.

O traballo, publicado na revista científica PLoS ONE, centrouse no parque natural de Montesinho (nordeste de Portugal), onde “as poboacións de ungulados silvestres foron aumentando nos últimos anos, o que puido levar ao lobo a depredalos”, indican.

Estes científicos avaliaron a dieta do lobo ibérico nesta zona, en dous períodos, entre novembro de 2017 e agosto de 2019. As análises indicaron “unha alta depredación en ungulados salvaxes, onde a frecuencia de ocorrencia mostrou que o corzo foi a presa máis consumida (44%), seguido de cervos (26%) e xabarís (24%)”.

Na dieta do lobo, aínda que en cantidades máis baixas, tamén identificaron gatos salvaxes (6%), cabras domésticas e garduñas (5%).

Segundo os seus autores, “este é o primeiro estudo en Portugal onde se rexistrou que os lobos se alimentan principalmente de ungulados salvaxes”.

Ao igual que os seus colegas, os científicos portugueses pensan que “a presenza de presas salvaxes debe verse como o mellor paso cara á mitigación dos conflitos humanos-depredadores, contribuíndo á conservación do lobo ibérico”.

Todos estes estudos son algunhas das achegas máis recentes e actualizadas sobre a situación do Canis lupus e o seu conflito co ser humano e gando. A vía para a convivencia entre estas especies foi aberta pola ciencia, pero só dos humanos depende o destino do lobo.

Varios exemplares do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria,
Varios exemplares do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria, | Fonte: Europa Press - Arquivo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta