O xulgado decreta o internamento nun centro dos dous menores acusados polo crime de Samuel

Prisión para tres dos seis detidos polo asasinato do mozo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2021 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución nº1 da Coruña, de garda este sábado, decretou o internamento nun centro de menores dos dous mozos menores de idade detidos este venres pola súa presunta participación no crime de Samuel.

Os dous menores foron detidos na mañá do venres para, esa mesma tarde, pasar a disposición xudicial. Segundo a Lei de Responsabilidade Penal do Menor, os menores acusados non poden permanecer máis de 24 horas en comisaría sen pasar a disposición xudicial. Tal e como informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o internamento dos mozos foi acordado polo xulgado de garda ordinario, e non polo de menores, ao non haber neste último servizo de garda.

Ademais dos dous menores, outros catro implicados --tres homes e unha muller, coruñeses de entre 20 e 25 anos-- pasaron este venres a disposición xudicial pola súa vinculación coa morte de Samuel, o mozo de 24 anos que o pasado sábado morreu tras recibir unha malleira.

O xulgado aínda non determinou se se lles imputará un delito de homicidio ou asasinato que, no caso dun dos homes detidos, se sumará ao de subtracción indebida. Os tres homes foron enviados a prisión comunicada e sen fianza dado que, tal e como sinalou a xuíza no auto, existe risco de fuga e de destrución de probas.

A muller, pola súa banda, foi posta en liberdade condicional con comparecencias no xulgado. Con todo, o delegado do Goberno, José Miñones, sinalou esta semana que "as pescudas seguen o seu curso", que "se barallan todas as liñas de investigación" e que "non se descartan novas detencións".

As amizades de Samuel durante unha manifestación para condenar o asasinato do mozo de 24 anos o pasado sábado na Coruña debido a unha malleira, a 5 de xullo de 2021, na Coruña. M. Dylan - Europa Press
As amizades de Samuel durante unha manifestación para condenar o asasinato do mozo de 24 anos o pasado sábado na Coruña debido a unha malleira, a 5 de xullo de 2021, na Coruña. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta