Sánchez cesa sete ministros e ascende a Calviño nunha gran remodelación do Goberno

Tamén eleva a Félix Bolaños, nomea ministras a tres alcaldesas e prescinde de Carmen Calvo e José Luis Ábalos. Yolanda Díaz volve ao posto de Vicepresidencia segunda.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 10/07/2021 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acometerá este sábado unha gran remodelación do seu Executivo e, entre outros cambios, decidiu prescindir da ata agora vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, do ministro de Transportes, José Luís Ábalos e ao seu xefe de Gabinete, Iván Redondo. Pola contra, ascendeu a vicepresidenta primeira á galega Nadia Calviño e ao seu secretario xeral de Presidencia, Félix Bolaños, a quen nomea ministro de Presidencia, segundo publicou 'El País'. Na remodelación nomeou tamén ministras a tres alcaldesas.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, antes de ofrecer unha rolda de prensa ao termo da primeira reunión do Consello de Ministros en Moncloa tras o período estival na que informa sobre a actualidade do Covid-19 en España, en Madrid. EUROPA PRESS
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, antes de ofrecer unha rolda de prensa ao termo da primeira reunión do Consello de Ministros en Moncloa tras o período estival na que informa sobre a actualidade do Covid-19 en España, en Madrid. EUROPA PRESS | Fonte: R.Rubio.POOL - Europa Press

Nesta remodelación, saen, ademais da vicepresidenta primeira Carmen Calvo e do ministro de Transportes José Luís Ábalos, o xefe de Gabinete de Pedro Sánchez, Iván Redondo, que será substituído polo ata agora presidente e conselleiro delegado de Paradores Nacionais, Óscar López, segundo confirmou Europa Press. Trátase dun home de partido que chegou a ser número tres do PSOE con Alfredo Pérez Rubalcaba.

Tamén quedarán fóra do Gabinete a ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, que será substituída polo embaixador de España en París, José Manuel Albares; o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, que será substituído pola presidenta do Senado, Pilar Llop e a ministra de Educación, Isabel Celáa, cuxo posto ocupará a aragonesa Pilar Alegría, ata agora delegada do Goberno en Aragón.

Pedro Sánchez tirou de membros do PSOE nesta nova remodelación do Executivo, tal é así que ademais de nomear a Óscar López ou Pilar Alegría, tamén nomeou ministras a tres alcaldesas: a de Puertollano, Isabel Rodríguez, que será a nova titular de Política Territorial e Portavoz do Goberno, segundo as fontes consultadas por Europa Press; a de Gavá, que ocupará a carteira de Transportes en lugar de José Luís Ábalos e a de Gandía, Diana Morant, a nova ministra de Ciencia e Innovación.

Nesta remodelación tamén se produciu un cambio de Ministerio, trátase de Miquel Iceta, quen deixará Política Territorial, onde chegou hai tan só uns meses, en substitución de Carolina Darias e o seu posto ocuparao a alcaldesa de Puertollano.

YOLANDA DÍAZ, VICEPRESIDENTA SEGUNDA

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asumirá a vicepresidencia segunda do Goberno dentro da reorganización do Goberno, tras nomear a Nadia Calviño vicepresidenta primeira. No seu perfil de Twitter, Díaz afirmou que este novo tempo "empuxa a pensar en grande". Para a nova vicepresidenta segunda, os retos da recuperación xusta, a transición ecolóxica, o avance en igualdade e de horizontes de futuro para a mocidade "deben ser o corazón do novo Goberno".

Froito da súa negociación con Sánchez, Díaz logrou manter os ministerios asignados a Unidas Podemos e conservar a súa cota sen cambio de nomes no Executivo dentro da ampla remodelación anunciada este sábado. En concreto, segundo detallan fontes coñecedoras da negociación, a tamén titular de Traballo e Economía Social negociou persoalmente con Sánchez o alcance da reestruturación durante esta semana e pediu especificamente como prioridade que non afectase o seu espazo político, aspecto que conseguiu. Ademais, viu aumentado o seu rango no gabinete a vicepresidenta segunda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta