O alumnado de distintos grupos poderá compartir obxectos no colexio se a incidencia é baixa

Educación incide en que o protocolo para o curso 2021/22 é un "documento vivo" que evolucionará segundo a pandemia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2021 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, incidiu en que o protocolo de adaptación á covid-19 dos centros de educación non universitaria de Galicia para o próximo curso 2021-2022 é un "documento vivo" que evolucionará segundo a situación sanitaria. En declaracións aos medios nun acto en Santiago de Compostela, o titular de Educación lembrou que este texto, que o venres foi trasladado ao Consello Escolar de Galicia, está avalado polo comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia e recolle os principais acordos da última comisión interterritorial de sanidade.

"Sabemos que é un documento vivo, que vai evolucionar en función da dinámica sanitaria", incidiu o conselleiro, que sinalou que o propio Ministerio de Educación anunciou para mediados de agosto outra conferencia sectorial para avaliar a situación. "Nós quixemos facelo xa para dar certezas. Temos unhas certezas e podemos ir traballando en base a elas", sinalou o conselleiro. Na súa intervención, asegurou que lle gustaría poder introducir "cambios a mellor" e "reducir as restricións", cuestión que se é posible "se incorporaría" e "se trasladaría aos centros educativos".

PROTOCOLO

En concreto, o protocolo permite que o alumnado comparta obxectos tanto na aula como no recreo e, ademais, contempla que os grupos de convivencia estable poidan interaccionar con outros do mesmo curso se a incidencia é baixa.

Como no curso pasado, segundo explicou Educación, establece que se manterá a actividade lectiva presencial en todas as etapas educativas, polo que os centros permanecerán abertos durante todo o curso, do mesmo xeito que o funcionamento de todos os servizos complementarios e o apoio lectivo aos alumnos que o necesiten.

En canto á organización nas aulas, nas etapas de Infantil, Primaria e Educación Especial, o alumnado seguirá organizado en grupos de convivencia estable, tanto na aula como fóra dela (é dicir, en recreos e comedor), polo que non se aplicarán criterios de distancia nestes casos. Ademais, de alcanzarse unha situación de baixa transmisión (fase de nova normalidade), estes grupos poderán interaccionar con outros do mesmo curso.

Para o resto das etapas, a distancia xeral na aula será de 1,2 metros. E para todas as etapas é obrigatorio o uso da máscara todo o tempo --dentro e fose da aula-- a partir do seis anos, e recomendable para os menores de seis.

COMPARTIR MATERIAIS

A partir de setembro, as crianzas poderán compartir obxectos tanto no interior como no exterior, sempre aplicando as medidas de hixiene decretadas. Así pois, o alumnado dun mesmo grupo burbulla poderá xogar con elementos de uso compartido (balóns, cordas e xoguetes) no recreo ou usar materiais como tobogáns.

As bibliotecas escolares aplicarán o aforamento xeral das bibliotecas públicas (que neste momento é do 75%) e recuperarán o procedemento habitual de préstamo de libros e material sen que teñan que ser sometidos a corentenas.

No que respecta ás medidas básicas de prevención, mantéñense todas as pautas hixiénicas (lavado de mans, emprego de hidrogel ou reforzo da limpeza de espazos e mobiliario entre outros), así como os protocolos de ventilación vixentes, facendo especial fincapé na ventilación frecuente ao comezo e ao termo da xornada e nos cambios de aula, así como a ventilación cruzada para favorecer a circulación. Ademais, os centros continuarán cos seus plans de continxencia e cos equipos covid.

Aula dun centro escolar
Aula dun centro escolar | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta