Parasois nas rúas para a hostalería de Verín

O Concello de Verín pon en marcha unha das últimas medidas de apoio destinadas ao sector anunciada o pasado mes de marzo. Trátase da instalación de parasois para bares e restaurantes.

Por X.M. Fernández | Verín | 13/07/2021 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

O mobiliario urbano doado polo Concello de Verín servirá ademais para regular de maneira definitiva o espazo que cada un deles destina á súa terraza na vía pública, contribuíndo á reordenación e humanización da vila.

Sombrillas instaladas xa en Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.
Sombrillas instaladas xa en Verín. Foto: Prensa Concello de Verín.

Nesta primeira actuación instalaranse un total de trinta parasois, dos cales dezasete foron xa situados días atrás nos establecementos da Praza Maior; o resto, farano en diferentes puntos da vila. "Emprazaranse, paulatinamente, un total de cento vinte sombrillas, así como as correspondentes mesas necesarias para cada terraza", anunciou o rexedor Gerardo Seoane.

Para a localización do mobiliario urbano, os técnicos municipais deseñaron e marcaron sobre a vía pública o espazo de ocupación de cada establecemento que será delimitado por valos de madeira, así como con macetas ornamentais. Así mesmo, os parasois terán a súa base ancorada ao chan o que facilitará aos traballadores retiralas facilmente á hora do peche.

APOIO Á HOSTALERÍA

Para poder recibir este material, será necesario que a persoa titular do establecemento dispoña da oportuna licenza de ocupación da vía pública.

En palabras do Alcalde, "con esta medida preténdese apoiar a un dos sectores máis castigados pola pandemia e facilitar o control que as autoridades sanitarias esixen. Non soamente os axudamos con mobiliario, senón que tamén creamos unha imaxe de uniformidade en toda a vila, contribuíndo a  reordenación e humanización da nosa vila".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta