Unidas Podemos reclama no Congreso unha distancia mínima estatal entre eólicos e núcleos de poboación

Ecoloxistas en Acción pide ao Goberno central rexeitar proxectos de eólica mariña que leven tomas de terra para a evacuación da enerxía a través das praias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou no Congreso unha iniciativa para establecer unha distancia mínima para todas as comunidades entre os parques eólicos e os nucleos de poboación, co obxectivo de "garantir o cumprimento do principio de precaución" e "minimizar o impacto sobre a vida das persoas".

A través dun comunicado, o deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino explica que o Ministerio para a Transición Ecolóxica establece unha distancia mínima de 1.000 metros, pero cada autonomía "ten a súa propia normativa" e "non sempre se respecta" esta precaución. No caso de Galicia, sinala o deputado, o límite está fixado nos 500 metros.

Ademais, Gómez-Reino considera que a normativa estatal está "desactualizada" en canto á potencia e ao tamaño dos aeroxeradores. E é que na actualidade estes dispositivos poden superar ata os 200 metros de altura, o que provoca que a distancia establecida con respecto ás poboacións é "insuficiente" ante a posibilidade de que se desprenda algunha peza.

Neste contexto, o deputado de Galicia en Común ve "urxente" actualizar o regulamento ante a "ofensiva eólica" que observa nalgunhas partes do Estado como na Comunidade galega, segundo sinala.

EÓLICA MARIÑA

Por outra banda, Ecoloxistas en Acción reclama ao Goberno central que rexeite aqueles proxectos de eólica mariña que leven tomas de terra para a evacuación da enerxía a través das praias, porque teñen un "gran impacto ambiental". Así, a asociación suxire que isto se acometa por zonas "xa degradadas".

En Galicia, tal e como advirte Ecoloxistas en Acción, hai dous proxectos iniciais de parques eólicos mariños impulsados por Iberdrola --San Brandán e San Cibrao-- nos que as localizacións das unións a terra "están claramente escollidas por criterios exclusivamente economicistas e non tendo en conta minimizar o impacto ambiental que causan".

Por iso, a entidade reclama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que rexeite estes proxectos se isto non se corrixe.

Arquivo - Parque eólico na serra de Elgea, Áraba. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Parque eólico na serra de Elgea, Áraba. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta