Acusan á Xunta de beneficiar a eólica que contratou a ex conselleira Mato no reparto de axudas da UE

Entidades ecoloxistas critican que os órganos europeos non advertiran a "fragmentación irregular" dos parques da Costa da Morte.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Volven pender sombras sobre a relación entre a Xunta de Galicia e a enerxética Greenalia. A mercantil comandada polo coruñés Manuel García Pardo saltou aos titulares meses atrás logo de transcender que contratara á ex-conselleira de Medio Ambiente Bea Mato para a súa empresa, na que vén de ascender até o consello de administración. Agora, diversas entidades ecoloxistas veñen de cuestionar os procesos de axudas públicas executados pola Xunta de Galicia en favor desta compañía, así como a aprobación de parques eólicos cunha regulación “á medida” das empresas eólicas, segundo apuntan. 

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo
Parque eólico de Greenalia en Vimianzo | Fonte: Greenalia.

A denuncia vén de ser desenvolta por Petón do Lobo, a Plataforma As Salgueiras, a Plataforma Quijote de Outes, a asociación galega Cova Crea e o Ouriol do Anllóns, que piden ao Conselleiro de Industria e Vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, “información e transparencia” en relación a un dos principais proxectos da enerxética, acusada de telo tramitado valéndose dunha fragmentación “irregular” para poder superara con maior facilidade as esixencias da administración.

O proxecto en cuestión recibe o nome de Proxecto Eolo II. As asociacións asinantes da petición a Conde céntranse na segunda fase da iniciativa; que, segundo apuntan, estaría a recibir diñeiro público do Banco Europeo de Inversión por “intermediación” da Xunta de Galicia. En total, uns 128 millóns de euros nos que foi taxado o proxecto en abril de 2020 cando chegou ás autoridades europeas.

"FRAGMENTACIÓN IRREGULAR"

As asociacións, neste aspecto, cuestionan o escaso tino do BEI ao advertir un caso que, aos seus ollos, incide nunha fragmentación “irregular” dos terreos para avanzar con maior facilidade entre os trámites ambientais. “O BEI, que presume de tolerancia cero contra a fraude e a corrupción, recibiu varias solicitudes de información de entidades ecoloxistas en relación a esta operación de financiación na que está en xogo diñeiro público europeo”. 

E é que, segundo destacan dende as asociacións, a entidade pública europea “dispoñía de coñecementos sobre a división artificiosa dos parques Campelo, Bustelo e Toural que a mercantil da ex –conselleira da Xunta de Galicia, Bea Mato, prevé instalar en Coristanco, Carballo e Santa Comba. Coa fragmentación irregular dos proxectos impediuse á cidadanía participar na avaliación global do impacto ambiental da infraestrutura conxunta”.

A fragmentación irregular adoita desenvolverse segmentando un só gran proxecto eólico en varios para que así o seu impacto sobre o medio semelle máis reducido. O ecoloxismo galego leva meses denunciando a presenza desta irregularidade administrativa no proceso de aceptación de moitos dos proxectos que constitúen a “avalancha eólica” de Galicia. “Para as entidades ecoloxistas a viabilidade económica, financieira e técnica das estacións eólicas de Greenalia na Costa da Morte está en entredito, ao seguirse unha tramitación espúrea que cuestiona a legalidade da tramitación ambiental”, rematan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta