Éxito das actividades alternativas á Feira do Viño de Valdeorras

A máis importante foi o 'Túnel do Viño', iniciativa que funcionou moi ben. Centos de persoas achegáronse ao Barco de Valdeorras a pasada fin de semana, 10 e 11 de xullo, para catar ata 70 referencias diferentes das 22 adegas da comarca que participaron.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 14/07/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A localidade do Barco de Valdeorras foi o escenario dos diversos actos de promoción vitivinícola que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras promoveu ao longo da pasada fin de semana, cunha boa participación de veciños e visitantes. Foron varios centos de persoas as que sábado e domingo puideron desfrutar de ata 70 referencias diferentes das 22 adegas da comarca que participaron no Túnel do Viño. As catas comentadas sobrepasaron as previsións, sobretodo o sábado, día no que se completou o aforo previsto.

Cata comentada. Túnel do Viño de Valdeorras 2021. Foto: Prensa CRDO Valdeorras
Cata comentada. Túnel do Viño de Valdeorras 2021. Foto: Prensa CRDO Valdeorras

O 'Túnel do Viño' celebrouse cun marcado protocolo anti-Covid, que incluía ventilación da carpa, entradas e saídas diferenciadas e aforo limitado. Tamén se limitou a asistencia a 20 persoas a cada unha das catas comentadas que se celebraron nos xardíns da Casa Grande de Viloira. Unha foi sobre froita e viño e outra sobre maridaxe de queixos galegos con viños da comarca. Ambas as dúas completaron o aforo previsto.

PRESENZA INSTITUCIONAL

Na cea oficial e entrega de premios da XXII Cata Oficial dos viños de Valdeorras houbo unha nutrida representación institucional ao contar coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González; do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo González; e do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, entre outras autoridades.

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, fixo balance expresando a súa “satisfacción” pola realización dos diversos eventos e confía en intensificar, paseniñamente e conforme se vaia recuperando a normalidade, “a axenda de actos do promoción dos viños da comarca en diferentes localidades galegas e españolas durante os vindeiros meses”.

Brinde no Túnel do Viño de Valdeorras 2021. Foto: CRDO Valdeorras
Brinde no Túnel do Viño de Valdeorras 2021. Foto: CRDO Valdeorras

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta