Temas: FEIJóO PPDEG PP

Todos os presidentes autonómicos do PP acompañarán a Feijóo na súa reelección á fronte do partido en Galicia

Súmanse aos xa confirmados Teodoro García Egea e Pablo Casado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/07/2021 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O congreso do PPdeG, que terá lugar este venres e o sábado en Santiago, contará coa presenza de todos os presidentes autonómicos do Partido Popular con responsabilidades de Goberno. A data de hoxe, teñen confirmada a súa asistencia ao conclave o presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno; a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco; e o presidente de Murcia, Fernando López Miras.

Feijóo entrega os avais na sede do PPdeG
Feijóo entrega os avais na sede do PPdeG | Fonte: PPdeG.

Todos eles súmanse aos xa confirmados Teodoro García Egea e Pablo Casado, que asistirán ás xornadas de venres e sábado, respectivamente.

Ademais, os presidentes do PP en Extemadura, José Antonio Monago; en Asturias, María Teresa Mallada de Castro; e en Cantabria, María José Sáenz de Buruaga; así como a secretaria xeral do Partido Popular vasco, Laura Garrido, participarán nun evento que se celebra un ano despois da cuarta vitoria electoral consecutiva e por maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo en Galicia.

O acto tamén contará coa presenza da presidenta de Nuevas Generaciones, Beatriz Fanjul, e dos vicesecretarios Jaime de Olano, Ana Beltrán e Antonio González Terol.

A pesar de que tanto o programa como o número de asistentes e invitados están por pechar, o PPdeG agradeceu este martes "o interese" co que tanto a dirección estatal da formación como o resto do territorio están a afrontar este conclave.

Os populares galegos lembran que Galicia non só é "o berce do Partido Popular que fundou Manuel Fraga hai 45 anos", senón que tamén "é unha terra que ostenta dous importantes fitos na política española".

"En primeiro lugar, é o exemplo de que é compatible ser unha nacionalidade histórica con ter un profundo respecto pola unidade de España e pola Constitución de 1978; e, en segundo lugar, cando todo o país padecía os efectos da inestabilidade política do multipartidismo e da opción políticas máis extremas, os galegos apostaron por un Goberno estable, pola unificación do centro-dereita ao redor das siglas do PP e por deixar fóra do Parlamento a Ciudadanos, VOX e Podemos", recalcan os populares.

Así as cousas, os populares galegos recalcan que Galicia é "un territorio simbólico" para o PP e inciden no seu agradecemento pola significativa presenza de dirixentes da formación no congreso que revalidará o liderado de Feijóo por quinta vez.

'UN CAMIÑO POR PERCORRER'

O 17º conclave autonómico ten por lema 'Un camiño por percorrer", un slogan que recolle a intención da formación de non vivir dos logros cultivados ata o momento, senón que traballa "por todos os retos que aínda quedan por conseguir coa vista posta na Galicia do futuro".

Os populares queren continuar actualizándose e renovándose sempre da man dos galegos, para seguir avanzando así no camiño das melloras económicas e as baixadas de impostos --que forman parte dos relatorios--, da blindaxe dos servizos sociais públicos e de calidade, e da aposta por ser un partido "cada vez máis aberto e accesible".

O congreso que se desenvolverá os días 16 e 17 de xullo será presidido polo presidente do PP de Pontevedra, Rafael Domínguez, un dos referentes urbanos do PPdeG, que mellorou o resultado do partido "nun momento de especial dificultade electoral e nunha cidade na que gobernan os nacionalistas".

Pola súa banda, como vicepresidenta da Mesa exercerá Marta González, deputada no Congreso e integrante do PP de Santiago, urbe que acolle este evento, despois de ser trasladado, precisamente, da localización inicialmente prevista en Pontevedra.

Temas: FEIJóO PPDEG PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta