Aberta ata o 13 de outubro a convocatoria dos Premios Galicia de Innovación e Deseño

Os galardóns chegan aos 15.000€.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2021 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria da segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, cuxo prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 13 de outubro.

A iniciativa, desenvolvida a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), busca recoñecer "a destacada contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño", tal e como indicou a Consellería de Economía, Empresa e Innovación nun comunicado.

Os interesados en presentar a súa candidatura deberán facelo en liña e poderán optar a seis categorías. Tres delas están pensadas para aqueles profesionais ou empresas galegos que teñan a innovación como "elemento crave" para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. A categoría de 'traxectoria innovadora' recoñecerá aos empresarios e profesionais cunha experiencia mínima de dez anos e na que a innovación representase un "papel relevante". As categorías de 'gran empresa' e 'pemes' distinguirán ás compañías "cunha actividade innovadora" de polo menos dez e cinco anos, respectivamente.

O tres galardóns restantes recoñecerán aos profesionais e empresas que contribúan "significativamente" á mellora do prestixio do deseño galego e ás compañías que, "ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostren que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade". Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo, e outro para deseñadores menores de 35 anos e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

Os galardóns para a traxectoria innovadora na categoría de gran empresa e o premio para empresas no apartado de deseño teñen carácter honorífico e todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.

CRITERIOS DO XURADO

A Consellería sinalou que, entre os criterios de avaliación, o xurado das categorías de innovación terá en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o seu posicionamento e o impacto da innovación na mellora da súa capacidade competitiva. Doutra banda, o xurado dos galardóns de deseño valorará a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.

Foi nestes aspectos, segundo sinalou o departamento da Xunta, nos que destacaron os premiados na primeira edición do certame. Así, na sección de innovación, os premiados foron Francisco Guitián --traxectoria innovadora--, Marine Instruments --pemes-- e Cupa Innovación --grandes empresas--. En deseño, foron recoñecidos Cenlitrosmetrocadrado --profesionais--, Eva Yarza --deseñadores novos-- e Televés --empresas--.

"Estes premios, convocados no marco do 'Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 (Diferenza), teñen o obxectivo de destacar as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, pondo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade da vida das persoas", subliñou a Xunta no comunicado.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na entrega dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2020. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na entrega dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2020. XUNTA | Fonte: ANA VARELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta