Os hostaleiros piden "máis policía na rúa" para evitar os botellóns

Din temer que, ante a suba de contaxios, volva haber restricións como as que vén de anunciar a Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2021 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Galicia, Cheché Real, pediu este mércores que se reforce a presenza policial nas rúas para evitar os botellóns no marco da pandemia pola Covid-19. O tamén presidente dos hostaleiros de Lugo admitiu que no sector "tremen" ao ver como "noutras comunidades", ante o disparo dos contaxios, "se volven cebar co sector da hostalaría e o turismo". 

Así, admite unha "inquietude negativa" e insiste en que tremen no sector porque "se volva a pechar, a restrinxir ou limitar" a súa actividade, ante a avalancha de positivos sobre todo entre xente nova. Para Real resulta preciso ir "a un maior control, máis policía pola rúa", aínda que recoñeceu que "agora a policía está máis limitada posto que teñen a xente de vacacións".

Dous vehículos da Policía Local no parque das Mercedes, nun control policial para evitar botellóns e aglomeracións, a 4 de xullo de 2021, en Ourense
Dous vehículos da Policía Local no parque das Mercedes, nun control policial para evitar botellóns e aglomeracións, a 4 de xullo de 2021, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Así mesmo, Cheché Real valorou que "esta fin de semana que houbo máis presenza policial en zonas públicas, a incidencia destas reunións foi bastante menor". Outro aspecto ao que apela é á "importancia" da "concienciación, que a xente tome conciencia de que a Covid ataca e contaxia". "E se non temos esa concienciación individual dificilmente teremos unha concienciación colectiva", apostilou.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo conclúe que "os contagios prodúcense onde non hai nada que obrigue a levar adiante os protocolos anticovid; na rúa, nunha praza pública, nos botellóns ou ben en domicilios particulares".

Precisamente, a Xunta de Galicia vén de anunciar un primeiro paquete de medidas restritivas que contempla, entre outras cuestións, a limitación dos grupos en terrazas a dez persoas; requisito que Sanidade insta a cumprir tamén en domicilios pero só a modo de recomendación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta