Feijóo presume dos datos do paro xuvenil: "A mocidade é libre, non adoutrinada"

O presidente acusa de insistir na "falacia" da Galicia emigrante ao BNG, que propón un plan de emprego xuvenil con fondos da UE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cifrou nun 65% a redución do paro xuvenil desde a súa chegada á Xunta en 2009 mentres que a líder do BNG, Ana Pontón, acúsao de só ofrecer á xente nova "paro, precariedade ou emigración".

Na sesión de control da Cámara galega, o máximo mandatario autonómico asegurou que o primeiro obxectivo do seu goberno é que a mocidade sexa "libre, non adoutrinada", cun sistema educativo "libre, aberto e non ideológizado". "Ese é o obxectivo número uno". "O segundo é buscar oportunidades de emprego", manifestou.

Tras soster que Galicia ten "o sistema educativo máis equitativo de España", é a comunidade con "máis profesores por alumno" e a "máis accesible en estudos universitarios", Feijóo afirmou que "no último ano o paro entre menores de 30 anos baixou un 31,7%, o dobre que en España". "Pero desde que chegamos ao goberno en 2009 ata agora, o paro en menores de 30 anos reduciuse un 65%", destacou.

O BNG LAMENTA A ELEVADA TAXA DE PARO E EMIGRACIÓN

En fronte, a líder dos nacionalistas galegos atribuíu ás políticas da Xunta as cifras de paro xuvenil e emigración. "Os datos son contundentes e demostran que a xente nova ten peores expectativas de vida que as súas nais e pais e que teñen que seguir collendo as maletas como facían os seus avós e avoas", manifestou Pontón, que cifrou no 27,3% a taxa de paro xuvenil. "Sabe de canto é en Alemaña, señor Feijóo?, do 6%", apuntou.

Así mesmo, censurou que a afiliación á Seguridade Social dos menores de 49 anos caeu "un 49%". "Só un 30% da mocidade ten traballo, o 56,8% teñen un contrato temporal e cun salario que, en moitos casos, chega a ser ata un 63% máis baixo que a media salarial de Galicia", sostivo a dirixente nacionalista, que asegurou que, como consecuencia destes datos, "emanciparse é misión imposible para a maioría de xente nova deste país".

"Por iso temos a segunda taxa de emancipación máis baixa de todo o estado español", incidiu Pontón, que lamentou tamén que desde 2009 emigrasen "325.000 galegos". "O 42% tiña menos de 35 anos e isto nun país que ten unha crise demográfica que se agudiza día a día", incidiu para lamentar que "cada vez sexamos menos e máis vellos".

Para cambiar a situación, a dirixente do Bloque propuxo financiar cos fondos Next Generation un plan de emprego xuvenil. "Mellor que meter os fondos no peto das multinacionais", trasladoulle a Feijóo.

"FALACIA"

Pola súa banda, o presidente galego acusou ao BNG de insistir "na falacia da Galicia emigrante". "Por que mente no Parlamento e di que de Galicia se foron 300 e pico mil persoas pero non di que chegaron 419.800?", preguntou para asegurar que a poboación de Galicia entre 2009 e 2020 "incrementouse entre as saídas e as entradas, cun saldo positivo de 72.000 persoas".

"E por que oculta á mocidade galega que entre 16 e 34 anos saíron de Galicia 144.000 mozos pero entraron, con esa mesma idade, 160.000?", reprochoulle Feijóo, que lamentou que os nacionalistas queiran unha "formulación lúgubre de Galicia". "Apostar pola ideoloxía primeiro de nada, adoutrinar á mocidade galega e mesmo intoxicala con datos que son falsos son impropios dun partido que representa a unha porcentaxe non menor da poboación galega", apuntou nun debate no que Pontón cualificou de "hecatombe para o país" que o presidente "ignore" a "emigración".

O presdiente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde as preguntas da oposición na sesión de control da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O presdiente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde as preguntas da oposición na sesión de control da Cámara galega. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta