Lores considera a sentenza que anula a prórroga de Ence "un fracaso estrepitoso do PP"

O PSOE tamén celebra o fallo da Audiencia Nacional mentres o PP laméntaa porque "500 familias ven como o seu futuro se ensombrece".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), destacou o "fracaso estrepitoso do Partido Popular", por mor da sentenza da Audiencia Nacional que estimou os recursos que o Concello e Greenpeace presentaron contra a prorroga de 60 anos concedida en 2016 polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy á concesión de Ence para a súa fábrica en Lourizán.

Neste contexto, o rexedor nacionalista sinalou "especialmente" os "fracasos" tanto de Rajoy como do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa que os populares "tentaron, mediante un cambalache ilegal coa empresa, pór en perigo a continuidade da actividade e dos postos de traballo por non buscar a única solución, lóxica e legal, que sería o traslado a outra localización".

Sobre a prórroga outorgada en 2016, Lores lembrou que o Concello "sempre considerou que era ilegal" e engadiu que tanto o PP como a dirección da pasteira "pretenderon enganar á sociedade pontevedresa e aos traballadores" mediante "unha fraude de lei".

Finalmente, fixo un chamamento como alcalde á directiva de Ence "e especialmente ao presidente Feijóo" para que "deixen de enganar aos traballadores e á sociedade" e "póñanse a traballar na única solución posible", que é "o traslado da factoría fóra da ría".

PP: "500 FAMILIAS VEN COMO O SEU FUTURO SE ENSOMBRECE"

Pola súa banda, o portavoz local do Partido Popular e líder da oposición, Rafa Domínguez, saíu ao paso do fallo da Audiencia Nacional sobre a continuidade da fábrica de Ence para dicir que "hoxe 500 familias de Pontevedra ven como o seu futuro se ensombrece". "A min prodúceme moitísima pena e moitísima mágoa", dixo, sobre a sentenza.

O tamén presidente local do PP non dubidou de responsabilizar desta decisión ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, porque "antepón a súa política anti empresas ao traballo das familias".

"Tantas e tantas familias están a sufrir hoxe por culpa do alcalde", engadiu Domínguez, que apuntou que os traballadores de Ence "se cadra non poden darlle estudos universitarios" aos seus fillos "ou non poden pagar a hipoteca polo recurso dun alcalde ao que non lle importa o emprego na súa cidade".

PSOE: "UN BO DÍA PARA PONTEVEDRA"

Tamén o tenente de alcalde do Concello, o socialista Tino Fernández, valorou positivamente esta sentenza da Audiencia Nacional: "Hoxe é un bo día para Pontevedra".

"Desde o Grupo Municipal Socialista queremos mostrar a nosa satisfacción por esta sentenza" ao considerar que dá a razón a quen criamos que a prórroga era absolutamente ilegal", dixo.

En segundo lugar, reivindicou a postura que vén mantendo o Partido Socialista --"durante moito tempo desprezada por todos os demais partidos políticos"--, que apunta que a fábrica pasteira non pode manterse na ría "pero hai que garantir o seu traslado" mediante o diálogo: "Esa é a (postura) que debe imperar e debe triunfar".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press | Fonte: Europa Press

GONZALO CABALLERO PIDE A FEIJÓO UNHA NOVA UBICACIÓN


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "exercer as súas competencias" en materia industrial e a propor unha "localización alternativa" para a fábrica de Ence en Lourizán.

Así o expón a través dun comunicado remitido a medios, tras coñecerse este venres a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión dos terreos outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2016.

Neste contexto, o líder dos socialistas galegos di respectar a decisión xudicial, que mostra a actuación "fóra da lei" do Executivo de Rajoy, e lembra que a posición do PSdeG é a de sacar á pasteira da ría.

"Feijóo ten que buscar mecanismos que permitan manter o emprego en Galicia", recalca Caballero, á vez que lamenta que o presidente da Xunta "perdeu o tempo sen anticiparse" ao fallo da Audiencia Nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Riolo

El BNG nos quiere a todos dependientes de las dádivas de la Xunta y los chiringuitos públicos manejados por ellos. Fuera la Industria, sólo burócratas y liberados del sindicato nazonal. Mientras tanto Lores se sigue forrando amarrado al erario público de forma vitalicia.

1 Amancio

Amigo Riolo, non creo que sexa o caso. Pensa que o máis próximo a iso que comentas é a provincia de Ourense e aí leva gobernando a dereita española desde antes da chegada da democracia.

2 Sentidiño

Vai rematar a expropiación polo PP dunha ría que é de tod@s. Excelente noticia para as xeracións futuras. Imaxino que o pseudoTribunal de Cuentas fará que don Mariano pague os danos co seu patrimonio persoal.

1 Pasaba por aquí

Fracaso estrepitoso del bloque y sus acólitos, únicos individuos capaces de dispararse en un pie premeditadamente y aún encima celebrarlo