Peche de camas hospitalarias no verán, unha contradición en época de pandemia

Partidos da oposición e sindicatos censuran o peche de camas hospitalarias, aínda máis cando as listas de espera e a falta de profesionais está deixando moi diminuídos os cadros médicos e de enfermaría. Descoñecen as motivacións que levan ao SERGAS a pechar camas durante a pandemia e coa incerteza dun incremento dos casos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O anuncio por parte do goberno galego de pechar 600 camas hospitalarias do SERGAS durante o verán non foi ben acollido entre sectores sociais e políticos. O argumento de maior peso é a situación de pandemia que aínda se vive en Galicia. Ante un hipotético incremento de casos que ademais afecten ás UCIs tal como sucedeu nas anteriores vagas de COVID, faltarían camas e faltarían profesionais. Por outra parte, representantes sindicais do sector da sanidade din non comprender a actitude da Xunta para non acelerar a diminución das listas de espera, unha das consencuencias das vagas de COVID.

Novas camas de UCI habilitadas nun hospital para pacientes con coronavirus, COVID-19
Novas camas de UCI habilitadas nun hospital para pacientes con coronavirus, COVID-19 | Fonte: ASTURSALUD


MOTIVOS

Sindicatos e partidos políticos da oposición non entenden os motivos do peche de camas neste ano de 2021, un ano no que “estamos aínda en pandemia” como din desde UGT Sanidade. As motivacións que poden estar detrás serían, en teoría, por aforro. Antes da pandemia “oficialmente o persoal estaba de vacacións, por tanto non había suficiente persoal, isto dalgunha maneira víase equilibrado ante a diminución de usuarios na época estival”. Javier Martínez é dos que non comprende como se poden aplicar os mesmos criterios pre-pandemia a unha época de pandemia.

Desde CC.OO Sanidade, Javier González, avalía esta actitude do goberno de Núñez Feijóo como unha aplicación de “criterios de aforro, evitan contratar persoal para cubrir prazas, ademais de que certas unidades dentro dos hospitais rotan os peches, un ano esta unidade e para o seguinte outra”. Durante a época estival o 80% do persoal está de vacacións, por tanto, habería que contratar un número importante de persoas cos seus respectivos salarios.

María Xosé Abuín, de CIG Saúde, sinala un novo argumento empregado pola Xunta para xustificar o baixo número de persoal en enfermaría. “Recorren á campaña de vacinación contra a COVID, mais nós entendemos que é un argumento sen pés nin cabeza”. Abuín sinala ademais que “Feijóo anunciara un orzamento de 15 millóns para recuperar a actividade e eliminar as listas de espera”. Á parte, a representante sindical indica que o plan implicaría ir rebaixando listas por áreas e que se farían concertos coa sanidade privada, co que o sector privado estaría recibindo diñeiro e pacientes do sistema público. “Non ten ningún sentido”.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, en rolda de prensa.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, en rolda de prensa.. XUNTA

O SERGAS respondeu a Galicia Confidencial que “as camas hospitalarias están todas dispoñibles de acordo coas necesidades dos pacientes en cada momento, e empregándose sempre que así se requira”. Dentro do que corresponde ao 2021, durante o verán “a estimación previsible dos recursos operativos neste periodo será de 89,5%, máis de 14 puntos por riba da media da ocupacion real dos anos anteriores”. En comparación con 2019, o departamento que dirixe Julio García Comesaña sinala que “durante as mesmas datas a estimación previsible dos recursos operativos foi do 88,3%, do total das camas dispoñibles e ao final do verán a porcentaxe real de ocupación durante estes meses foi do 75,91%”.

MÁIS PLANIFICACIÓN E MÁIS PERSOAL

O propio SERGAS apunta que para calcular o  número de camas para pechar, faise seguindo “a adecuación dos recursos asistenciais no periodo estival tendo en conta o decremento da demanda asistencial, motivado pola diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías”. Estes cálculos son os empregados para programar “as vacacións dos profesionais e manter operativos todos os recursos necesarios para a asistencia sanitaria”. Por último engaden que esta circunstancia facilita que durante estes meses de verán “se podan levar a cabo obras ou actuacións preventivas ou reparadoras en distintas unidades que durante unha época de maior ocupación sería moi difícil levar a cabo”.

“A falta de planificación é o que leva á falta de profesionais para atender aos usuarios durante o verán. Pedimos que se planifique a partir de xaneiro” sinala Abuín. A sindicalista resalta a falta de persoal en enfermaría e noutros departamentos, mais considera que isto era previsible e non se fixo nada ao respecto “O SERGAS coñecía o número de persoas que se xubilarían neste tempo, así temos unha pirámide laboral envellecida”.

Dita pirámide a día de hoxe é difícil de corrixir ante os salarios e uns calendarios laborais que, segundo a CIG, non permiten conciliar nin familiar nin familiar nin persoalmente. Por iso hai un número importante de persoal en suspensión de chamada (non volven ser chamados polo SERGAS), outros e outras profesionais van para a privada e un número importante “marchan fóra porque aquí non hai condicións” sinala Martínez.

Por outra banda, as centrais sindicais apuntan a unha formación de profesionais médicos e de enfermaría que vai atrasar aínda máis, a incorporación de persoal. “Supoñamos que hai tempo a formación dun médico podería ser en breve de 10 anos, antes eran 8 anos. Un ou unha profesional de enfermaría antes formábase en tres anos, agora co grao serán catro anos e en breve, coa especialización, seis anos” describe Javier Martínez.

Nun comunicado emitido o pasado 16 de xuño, CC.OO apuntaba que “os datos do Sergas actualizados en decembro do 2020 —últimos dispoñibles— cifran en 35 817 doentes a listaxe de espera estrutural. Sumando a non estrutural —que a Administración non dá a coñecer—, podería superar as sesenta mil persoas”.

O peche de camas durante o verán en centros do SERGAS, segundo a Consellería de Sanidade, obedece á baixa incidencia sanitaria durante os días de verán.  Por outra parte, apúntanse a políticas de aforro que, segundo os profesionais consultados, non deberan aplicarse agora.  Por iso reclaman que se aproveite o momento para incrementar o número de contratacións, implementar aumentos salariais decentes e reducir no máximo posible a lista de espera. “Non é tempo de aforrar, deberiamos estar traballando para diminuír as esperas e prepararnos para unha posible nova vaga”.

Arquivo - Sanitarios traballando nunha UCI. ÁREA II DE SAÚDE - Arquivo
Arquivo - Sanitarios traballando nunha UCI. ÁREA II DE SAÚDE - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta