Ana Pontón rexeita o toque de queda e pide acelerar a vacinación da mocidade

Insta a "presionar á UE" para acelerar o fluxo de doses.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defende adoptar medidas para frear a pandemia tendo en conta "o nivel de vacinación amplo" e que a incidencia actual ten unha repercusión "limitada" nos ingresos hospitalarios. "Pois creo que (con estes parámetros, e a data da entrevista), mellor deixar as cousas como están, sempre tendo en conta que o prioritario son as vidas das persoas", manifestou ao ser preguntada por se é partidaria dun toque de queda.

"Creo que, neste momento, tomar restricións desde o punto de vista das liberdades, se temos un nivel de vacinación amplo , estamos a ver tamén que a incidencia en ingresos hospitalaria é limitada; pois creo que mellor deixar as cousas como están, sempre tendo en conta que o prioritario é a vida das persoas", analizou a líder nacionalista.

Nunha entrevista concedida a Europa Press --con anterioridade aos anuncios do venres--, Pontón considerou que "tampouco" cre que se "poidan tomar as mesmas medidas con case un 60 por cento da poboación vacinada que cando non había vacinas e, por tanto, o risco era moito maior desde o punto de vista sanitario".

"O obxectivo non é o toque de queda, nin restrinxir o lecer nocturno, nin restrinxir liberdades; o obxectivo ten que ser salvar vidas", salientou Pontón, quen subliñou que, na súa opinión, "a día de hoxe hai mecanismos desde o punto de vista epidemiolóxico para non ter que ir a esas medidas que son máis drásticas e que a ninguén lle gustan".

"PRESIONAR" Á UE

A dirixente nacionalista, no entanto, si criticou que durante o inverno se fixara o obxectivo de "salvar o Nadal" e censurou a "falta de anticipación e bandazos" dos gobernos central e autonómico na xestión da crise sanitaria, declarada pandemia pola OMS en marzo de 2020.

"Eu, o que penso, é que o que nos debe ensinar esta pandemia é que a ciencia é moi importante. Estamos nun momento distinto porque a vacina provoca que haxa unha maior inmunidade á hora de poder enfrontarse ao virus. Non creo que as medidas de hoxe teñan que ser as mesmas que hai un ano", destacou, para pór o acento en que "o que habería que facer é acelerar o proceso de vacinación, que a vacina chegue canto antes e, sobre todo, a xente máis nova, en que se están dando máis contagios".

Neste sentido, apremou á Xunta e ao Goberno central "a facer todo o que estea na súa man para que as vacinas cheguen canto antes á xente máis nova". "Esa é a solución de futuro", incidiu a dirixente nacionalista, quen rexeitou que "o problema sexa que non haxa vacinas , senón que hai unha opción de compra, que foi a que fixo a UE, que é limitada".

"Neste momento, deberíanse abrir todas as posibilidades para que as vacinas cheguen canto antes ao maior número de persoas posible. Sobre todo á xente nova, que nos demostrou nesta pandemia que fixo un gran esforzo de responsabilidade e agora, cando lle ten que chegar a vacinas , non lle poden dicir que se vai a retardar o proceso de vacinas", insistiu.

Preguntada se na súa formulación entra 'saírse' desa compra centralizada da UE, Pontón contestou: "O que digo é que hai moitas opcións, mesmo presionar á Unión Europea para que as vacinas cheguen rapidamente á xente".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Bloque Nacionalista Galego) no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela.. CÉSAR ARXINA/EUROPA PRESS / Europa Press
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Bloque Nacionalista Galego) no Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela.. CÉSAR ARXINA/EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta