(VÍDEO) Así senten Galicia os nosos emigrantes: "fóra síntome moito máis galega que na terra"

Alejandra, Claudia, Luz e Anxo son catro galegos que viven no estranxeiro. Contan como mudou a súa perspectiva sobre o galego e a cultura desde que están fóra e tamén como viviron a pandemia lonxe das súas familias.

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Para min Galicia supón todo”. Esta é a frase que máis se repite entre aqueles galegos que por diferentes circunstancias da vida tiveron que emigrar a outro país. Destacan que a súa experiencia vivindo no estranxeiro lles axudou a valor moito máis a lingua e cultura galega e expresan a súa preocupación ante a perda de galegofalantes entre as xeracións máis novas.

Imaxe recurso emigración - mequieroir.com
Imaxe recurso emigración - mequieroir.com

"Creo que nunca falei tanto galego como falo agora. Co tempo vin que o galego fixo gran parte da miña vida”

Alejandra Plaza é unha xornalista de Cabana de Bergantiños que fai 25 anos decidiu deixar a súa terra natal por amor. Instalouse en Zurich co seu home, onde tivo os seus dous fillos. Agora, por motivos laborais, móvese entre Zurich e Frankfurt. A pesar de que seu pai é estremeño,  que con só catro anos emigrara a Cataluña e que na súa casa se falaba castelá ela séntese galega “en todos os sentidos”. “Para min Galicia son as miñas raíces, a cultura e o meu camiño empezou a andar aí. Tes que ter os pes na terra para poder voar. Os meus pes están en Galicia”, explica Alejandra. Con respecto ao galego ela deixa claro que na súa casa non se falaba galego e que ao principio custoulle un pouco aprendelo. Aínda así destaca que “despois o galego sempre me acompañou ata o día de hoxe. Creo que nunca falei tanto galego como falo agora. Co tempo vin que o galego fixo gran parte da miña vida”.

“ (Galicia) É un sentimento que levas contigo sempre, da igual onde esteas no mundo”

Luz Martínez é unha ferrolá que debido a crise económica e a falta de oportunidades laborais en Galicia tivo que buscar outras alternativas. Primeiro mudouse a Madrid e agora xa fai 8 anos que reside en Londres. Para ela Galicia é “como unha nai”. Destaca que ela sente Galicia como algo físico e non só unha abstracción e por de releve que os seus valores sempre están conectados á súa terra natal. “É un sentimento que levas contigo sempre, da igual onde esteas no mundo”, indica Luz. Ao igual que Alejandra, agora tamén sente máis o galego como a súa lingua, sobre todo agora que se ten que desenvolver en tres linguas ao mesmo tempo. “É iso que está máis pegado ao teu ADN dun xeito ou doutro. É unha parte importante da miña vida”, destaca.

“Hai unha realidade lingüística e política en Galicia distinta e iso creo que hai que destacalo”

Anxo Lamela é un xornalista vigués que tamén decidiu emigrar por unha oportunidade laboral. Desde o 2003 o seu lugar de residencia é Copenhague. Aínda así, a súa conexión con Galicia segue sendo moi forte. Comenta que el foi “fillo da diglosia”, é dicir, que foi criado en castelán, pero na súa familia falábase galego. A pesar diso, cando tivo fillos tomou a decisión de educalos en galego porque “se eu non lles falo galego non o van aprender nunca”, explica. Ademais el define o galego como un motivo de orgullo porque “hai unha realidade lingüística e política en Galicia distinta e iso creo que hai que destacalo”, expón.

“Sei que sona raro estar vivindo noutro país e dicir que Galicia sexa todo para ti, pero estando fóra dáste de conta do que verdadeiramente é Galicia”

Claudia Pérez é unha muller de Lobios que decidiu emigrar para comezar novas etapas e facer cousas diferentes. Iso levouna ata Múnic, onde leva residindo 5 anos. Para ela a súa experiencia vivindo no estranxeiro serviulle para valorar o que verdadeiramente importa na vida, entre elas Galicia e o galego. “Sei que sona raro estar vivindo noutro país e dicir que Galicia sexa todo para ti, pero estando fóra dáste conta do que verdadeiramente é Galicia”, comenta. A nai de Claudia é de León e na súa casa falábanse os dous idiomas. De todas formas ela sente un vencello moi grande polo galego e está agradecida de ter falado dous idiomas desde pequena. “Un idioma dáche moitísimas cousas. Eu se non fose porque empecei na casa falando dous idiomas non me sería tan fácil aprender outros”, recalca.

A DUREZA DA PANDEMIA

Todos explican que estar lonxe da súa familia durante a pandemia foi algo duro e que o pasaron mal por non poder estar cerca dos seus seres queridos nesa situación tan complicada. “Cando todo vai ben non tes tanta preocupación pola túa familia. Pero esa sensación de que se alguén ten que ir ao hospital e ti non estás aí é duro”, di Luz. No caso de Alejandra, ela ten os pais enfermos, aínda non coñecer a un sobriño e faleceulle un amigo ao que non puido ver. Todas esas circunstancias a nivel sentimental supuxeron “un gran desgaste”, comenta

Por outra banda, Claudia tamén destaca que aínda que queiran volver sempre hai ese medo de contaxiar a alguén e que pase algo. Para ela estar tanto tempo fóra da casa fai que sinta que perdeu un pouco a súa identidade. “Ao non estar tanto tempo alí e estar tanto tempo aquí como que non pertences a ningún lado. Se vai alí es a alemá e aquí es a galega. Entón estás como perdida.”, acentúa.

PREOCUPACIÓN POLA PERDA DE GALEGOFALANTES

Ante a perda xeracional de persoas que falan galego os catro mostran a súa preocupación e inquedanza. Expoñen que é necesario que se normalice e que se promova o galego. “Os nenos son o noso berce, se non pelexamos con eles para que se fale vaise perder. Vexo que está desaparecendo co tempo e iso dáme algo de rabia. Creo que é algo que tiñamos que mimar máis porque é unha riqueza. Temos unha lingua propia e temos que loitar por ela”, indica Alejandra.

Anxo di que o falarlle galego aos fillos ten que ser algo normal e non unha rareza como no seu caso. “A maioría dos pais fálanlle en castelán aos fillos e iso é algo que doe un pouco. Por ese camiño imos moi mal.”, incide. Ante iso Claudia engade que o principal problema da perda de galegofalantes se encontra na casa e nos tópicos que recaen arredor do idioma. “Falar castelán non quita de que non poidas aprender galego. Non se pode prohibir un idioma simplemente porque sexa mal visto. Todas as linguas deberían ser iguais porque o idioma ao final é o reflexo dunha cultura e ten que se respectar como tal”, denuncia.

O DÍA DE GALICIA TRASPASA FRONTEIRAS

O 25 de xullo toda Galicia está de celebración. No estranxeiro tamén celebran este día para, desta forma, sentirse máis cerca da terra. Luz explica que en Londres incluso hai unha romaría onde se xuntan moitos dos galegos que residen alí para festexar con gaiteiros, bailadores e comida. Claudia tamén adoita celebrar este día comendo un polbo á feira ou indo a un dos restaurantes galegos que hai en Múnic. Así mesmo, Alejandra, a través da páxina web embaixada.gal, mostra o que se estivo facendo desde a emigración para celebrar ese día. O ano pasado fíxose a bandeira galega con fotos de emigrantes de todo o mundo e este ano englobarán con ilustracións o Día de Galicia e o Xacobeo.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta