Erasmus na pandemia: “merecía a pena correr o risco e non perder esta oportunidade”

Varios estudantes comentan que non se arrepinten de ter estudado fóra durante o ano da Covid e explican que volverían a tomar a mesma decisión.

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Eu tiña moi claro que quería facer Erasmus. Cando souben que había a posibilidade de que pola pandemia non puideramos ir estaba moi triste. Pensei que enfermar podía enfermar tanto aquí como alí polo que merecía a pena correr o risco e non perderse esta oportunidade”, explica Áurea Cadarso, estudante de Bioloxía na USC que foi de Erasmus a Romanía.  

Imaxe recurso estudantes erasmus - eleconomista.es
Imaxe recurso estudantes erasmus - eleconomista.es

O Erasmus é un programa que promove o intercambio de estudantes entre diferentes universidades europeas e que é moi popular entre os estudantes das carreiras, que adoitan facelos no 3º curso do grao. No 2020 a maioría dos estudantes xa tiñan claro cales ían ser os seus destinos pero, ca chegada do coronavirus, a maioría decidiu cancelar ou pospoñer a viaxe para o ano seguinte. De todas formas, houbo un pequeno grupo de estudantes que seguiu ca súa intención de estudar noutro país, para os cales a pandemia non foi un impedimento.

Raquel Fernández, estudante asturiana do dobre grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC, que foi de Erasmus a Alemaña, comenta que no seu caso ía estar lonxe da súa casa de todas formas e que non lle gustaba a idea de ter clases e exames presenciais. “Tería angustia por ter clases e exames presenciais nunha situación tan extraordinaria como esta. En Alemaña todas as clases foron online”, indica Raquel.

Noelia Martín foi de Erasmus a Italia pero no seu caso si que recoñece que si puidera igual deixaba o programa para o ano que vén. Ela estuda en Francia e alí os graos son só de tres anos, polo que non tiña máis posibilidades para realizalo. De todas formas, móstrase moi orgullosa de habelo feito este ano. “Decidín que unha pandemia non me ía quitar esa ilusión. Non sabía se era boa idea facer un Erasmus nesta época, pero agora que xa terminei non me arrepinto e repetiríao mil veces máis”, destaca Noelia.

SEN FESTAS DE ESTUDANTES

As tres alumnas explican que están moi contentas da experiencia e que volverían a tomar a mesma decisión se puideran. Porén, tamén explican que por mor da Covid non houbo as típicas festas, moi populares entre os estudantes de Erasmus. “Botei de menos ir a unha discoteca italiana, concertos, festivais, máis viaxes.. Pero aínda así sentíame como nunha burbulla, como si só importasen os momentos cos meus amigos de Erasmus e o mundo exterior non existira”, di Noelia.

Raquel tamén lle saca o punto positivo ao non ter festas e ao non estar constantemente coñecendo a nova xente. “Precisamente que non houbera festas foi, en parte, o que facilitou que me vaia a levar de aquí xente para sempre. Non é como estar coñecendo todos os días persoas cas que non volves a falar”, indica Raquel.

DIFERENTE XESTIÓN DA COVID

Entre o máis desacatado da experiencia dos Erasmus no estranxeiro foi a diferenza na maneira de administrar a Covid por parte dos diferentes países. En países próximos como Italia adoptáronse medidas moi parecidas ás españolas. Aínda así, Noelia destaca a mala organización do país itálico. “Para que che firmen o papel de finalización de Erasmus tardan moito e, ao mellor, cando mandan o papel xa pasou o prazo de entregalo. Ademais para facer unha PCR tes que anotarse mínimo 10 días antes, senón perdes a praza”, explica Noelia.

En cambio, Raquel móstrase conforme ca maneira que tiveron os alemáns de xestionar a pandemia. Destaca que só tiñan que levar a máscara en situacións moi concretas, aínda que tamén expón que no momento máis duro da pandemia para Alemaña (en decembro e xaneiro) as restricións foron moi duras e duradeiras. No que respecta ás clases, no país xermano xa avisaron en xuño que se ían a desenvolver online e non barallaron outro escenario. “As clases o os exames foron online e os grupos son máis pequenos e interactivos. En tempos de pandemia preferín o modo de ensinanza de alí sen dúbida”, indica Raquel.

Na outra cara da moeda está Romanía. A Áurea chamoulle moito a atención o pouco uso que se lle deu a máscara e a falta de preocupación e e de respecto ás medidas adoptadas. “Se estabas fóra da hora polo toque de queda simplemente che dicían que tiñas que volver á casa, non se respectaba o uso de máscara e había moito menos medo a nivel social”, comenta. A nivel de estudos, a diferenza dos outros países, aquí desenvolveuse todo de maneira presencial e Áurea destaca a facilidade que se lles deu aos Erasmus para sacar boas notas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta