O TSXG anula o sistema de carreira profesional do persoal funcionario e laboral da Xunta por excluír a interinos

UGT e CC.OO. acusan á CIG de "irresponsabilidade" e reclaman á Xunta que recorra o fallo e que "continúe pagando" este complemento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2021 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

A Sección 001 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou unha sentenza que anula o acordo entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT polo cal se establece o sistema de carreira profesional para o persoal funcionario e laboral da Administración autonómica.

No fallo, con data do pasado 14 de xullo, recollido por Europa Press, os maxistrados estimaron parcialmente un recurso da CIG e entende que este sistema incorre en causa de nulidade porque establece "unha diferenza non xustificada" para os empregados interinos e temporais.

En concreto, a CIG presentou recurso contra a orde da Consellería de Facenda pola que se publicaba o acordo --Diario Oficial de Galicia (DOG) do 15 de xaneiro de 2019-- porque entendía que a Sección Segunda, que é a que establece o sistema de carreira profesional, "viola o dereito á igualdade e non discriminación e o dereito de acceso á función pública en condicións de igualdade", posto que a súa aplicación estaba cinguida a determinados grupos de traballadores.

Deste xeito, o TSXG anulou este sistema tomando como referencia unha coñecida sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do ano 2011, que esixe que "se exclúa toda diferenza de trato entre os funcionarios de carreira e os funcionarios interinos comparables".

Ademais, os maxistrados rexeitan os argumentos esgrimidos pola defensa da propia Administración autonómica, que alegaba que non era unha exclusión expresa dos interinos, senón que simplemente era unha "falta de mención" que "non resulta vulnerador da normativa nin da xurisprudencia comunitaria e nacional".

Respecto diso, o TSXG entende que esta suposta falta de mención "trátase, en definitiva, de exclusión" e que "esas alegacións non constitúen causas obxectivas que xustifiquen esa diferenza de trato". E é máis, sinala que este fallo ten "efectos xerais" desde que se elimine a parte anulada.

Non obstante todo iso, a pesar de que a CIG reclamaba no seu recurso que o TSXG que substituíse esta sección anulada por outra que recoñecese mesmos dereitos a favor dos diferentes corpos, os maxistrados expoñen na sentenza que non lle corresponde ao tribunal nin "declarar ningún dos dereitos solicitados" nin "ordenar a substitución da sección anulada por outra".

Así mesmo, cabe lembrar que este fallo chega case tres meses despois de que a mesma Sala do TSXG obrigase a incluír aos interinos e laborais temporais no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional.

CC.OO. E UGT CARGAN CONTRA A CIG

Tras a nova sentenza, contra a que aínda cabe recurso de casación, UGT e CC.OO. --organizacións asinantes do acordo coa Xunta-- emitiron este sábado un comunicado no que lamentan a "irresponsabilidade" da CIG, xa que acaba de conseguir que se "declare nulo o pago da carreira profesional a todo o persoal funcionario e laboral fixo" da Administración autonómica mentres "xa non se pode incorporar o persoal laboral, interino e temporal".

Para estes dous sindicatos, a CIG acomete unha "manipulación informativa" porque os "efectos reais" deste fallo nin amplía dereitos ao persoal nin axuda a "reforzar as demandas individuais" para que se lles recoñeza aos interinos este dereito, porque o propio tribunal "non acepta substituír o dereito anulado por outro e produce efectos a todas as partes afectadas".

Por iso, CC.OO. e UGT esixen á Xunta que recorra a sentenza do TSXG e "continúe pagando" a carreira profesional "tal e como está acordado".

Feijóo, Valeriano Martínez e representantes de UXT e CC.OO.. XUNTA
Feijóo, Valeriano Martínez e representantes de UXT e CC.OO.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cantos pagan pola carreira profesional ? Falamos dos Sexenios dos Profesores ? Falamos das Bufandas dos Empregados Públicos ? Falamos do que negociaron os Sindicatos coa Xunta ? De que estamos a falar ? Se tal igual falamos de 60 €uros ao ano ? Ou é outra cousa ?