A Xunta arrinca esta semana os novos traballos de roza de limpeza de marxes de estradas autonómicas

Destaca no comunicado que o departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos estas accións de prevención de lumes.

Por Erik Dobaño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2021 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

A Xunta prevé iniciar esta semana os novos traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, segundo informou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que vén de renovar a  encomenda coa empresa pública Seaga.

Así, encargoulle a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, co fin de levar a cabo a prevención de lumes forestais e o reforzo da seguridade viaira, á que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, este luns comezarán os traballos nas estradas AC-543 e AC-301, ao seu paso polo municipio coruñés de Rois, á vez que seguirán as xa iniciadas hai dúas semanas na estrada AC-413, en Ordes.

Tamén están programadas novas intervencións, desde este luns, nas estradas lucenses LU-120, en Vilaba, e na LU-122, en Meira e Lourenzá. Do mesmo xeito, seguirán os traballos de roza na estrada LU-172, en Muras.

Ademais, segundo informou a consellería, continuarán os labores iniciados a pasada semana na estrada OU-801, en Ribadavia e Ponche Barxas, e na provincia de Pontevedra seguirán as tarefas na Variante de Marín V.G.-4.4, que une Lourizán e Ardán, nos municipios de Pontevedra e de Marín.

COMPLETAN OUTROS TRABALLOS

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os próximos doce meses, completan os que xa se realizaron ao longo deste ano con servizos ordinarios de conservación.

A Xunta destaca no seu comunicado que o departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 investíronse 6,8 millóns de euros en actuacións de control de biomasa.

Rozas de estradas. XUNTA
Rozas de estradas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta