O PSdeG quere "actualizar" o estatuto cunha carta de cidadanía galega e máis autogoberno

Proporá máis autogoberno "dentro do marco constitucional" e situarse "en primeira liña" para "cando haxa avances" na reforma federal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2021 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O PSdeG exporá antes de que acabe 2021 "unha carta de cidadanía galega" para "actualizar" o estatuto de autonomía de Galicia, segundo concretou o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, un día despois de anunciar, este 25 de xullo, a súa intención de promover a reforma desta norma.

No marco dun "galeguismo cívico e construtivo para facer a Galicia de futuro", Caballero apostou por unha "mellora" do estatuto galego para que se converta "no do século XXI". Agora, dixo, toca "superar a pandemia" de coronavirus, e unha vez pasada "será o momento", ao seu xuízo, "de reactivar a actualización do estatuto de autonomía de Galicia".

Con este "compromiso firme e sólido" de traballar "por e para Galicia", o líder dos socialistas galegos fixo fincapé na necesidade de recoller novos dereitos dos galegos na devandita norma, relacionados cos servizos públicos, Europa, avances logrados polo feminismo e a sociedade dixital, entre outros.

En canto ao autogoberno, "dentro do marco constitucional", aposta por asumir máis e ademais situar á comunidade "na primeira liña" para "cando haxa avances na reforma federal". "O próximo período de sesións imos traballar con intensidade para facer pública unha proposta dunha carta de cidadanía galega", expuxo en rolda de prensa Gonzalo Caballero.

A carta que presentará o PSOE galego pretende "que sexa a base para poder levar adiante unha reforma do estatuto que permita construír un estatuto para a Galicia do futuro". "Houbo moitos dereitos e liberdades nos que tivemos que avanzar pero que aínda non están recollidos no estatuto. España entrou en Europa pero Europa non está presente no estatuto (...) Houbo unha revolución feminista que fixo que avanzásemos en igualdade (...) Houbo novos compoñentes dixitais", explicou.

"NON É O MOMENTO DOS BRAZOS CAÍDOS"

Neste sentido, subliñou que "non é o momento dos brazos caídos", polo que considera que "erra o PP cando non asumiu máis competencias en 12 anos" e tamén "o BNG" ao apostar "pola vía Junqueras".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero / PSdeG. / Europa Press
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero / PSdeG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta