O Tribunal Supremo rexeita o recurso de Alcoa

A multinacional recorrera as medidas cautelares que no seu día impuxo a xustiza para evitar que parase a actividade na planta de Cervo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/07/2021 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo inadmitiu o recurso que presentou Alcoa contra as medidas cautelares que no seu día impuxo a xustiza para evitar que a multinacional parase a actividade na planta de Cervo (Lugo).

Un traballador de Alcoa, tras cortar unha estrada no marco da súa concentración para defender o futuro da fábrica de aluminio en San Cibrao, a 19 de xullo de 2021, en San Cibrao, Cervo (Lugo)
Un traballador de Alcoa, tras cortar unha estrada no marco da súa concentración para defender o futuro da fábrica de aluminio en San Cibrao, a 19 de xullo de 2021, en San Cibrao, Cervo (Lugo) | Fonte: César Arxina - Europa Press.

Deste xeito, aquela decisión faise firme, aínda que, como explica a avogada de CC.OO. María Veiga, "os efectos prácticos" desta medida son "poucos", tendo en conta que o expediente de regulación foi despois tombado polos xuíces.

En calquera caso, a letrada, que recibiu a notificación da sentenza este mesmo martes, valora esta inadmisión, que o persoal recibe mentres se atopa á espera do pronunciamento do Supremo sobre o recurso que tamén interpuxo Alcoa contra a sentenza que anulou o ERE.

Neste escenario, os traballadores tamén esperan noticias en relación coa reunión que mantiveron o presidente da compañía e a ministra de Industria.

Segundo o Goberno, o representante da firma, Roy Harvey, comprometeuse a dar unha resposta á proposta que lle expuxo a titular do ministerio, Reyes Maroto.

A última formulación de Industria prescinde da participación da SEPI na operación (a sociedade estatal de participacións industriais), condición que para Alcoa continúa sendo imprescindible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta