A Deputación de Pontevedra asina un convenio para un programa de xestión dos plásticos de uso agrícola

A Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega desenvolverá un programa divulgativo.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 27/07/2021 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra asinou un convenio coa Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega para desenvolver un programa divulgativo sobre o bo tratamento e a xestión dos plásticos de uso agrícola na provincia.

O organismo provincial destinará 36.400 euros a esta iniciativa, cuxo obxectivo é avanzar no desenvolvemento da economía circular, transformando os residuos en subproductos ou materias primas doutros procesos, xerando novas oportunidades de emprego e creación de riqueza.

Pola súa banda, Ódega elaborará unha guía de boas prácticas para a xestión adecuada dos plásticos de uso agrícola, ademais de instalar dous puntos físicos de información e asesoramento en Silleda e Cambados.

Outro dos compromisos desta organización consiste en realizar unha revisión técnica dos modelos vixentes de recollida, xestión e tratamento dos residuos plásticos agrícolas coas achegas dos diversos axentes dos sectores agrícola e gandeiro, xunto coas administracións de ámbito local e autonómico.

Ademais, Ódega producirá cinco microvídeos para explicar a problemática dos plásticos de uso agrícola nas exploracións rurais, consellos enfocados ás boas prácticas e ao correcto almacenamento destes materiais.

Segundo datos oficiais achegados por Ódega, en Galicia xéranse anualmente unhas 7.700 toneladas de residuos de plásticos de uso agrícola, das cales 4.800 proceden dos silos, unhas 2.000 corresponden a bolsas para almacenamento e outras 900 refúganse na construción de invernadoiros.

Ante o perigo dalgúns dos residuos xerados pola actividade agraria e o seu deficiente tratamento a través de verteduras, incineración ou soterramento, os promotores deste convenio apostaron por atallar o dano á paisaxe e a contaminación que provocan.

Plásticos agrícolas
Plásticos agrícolas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta