O PSdeG lanza unha campaña para presumir da rebaixa "histórica" das peaxes

O líder do partido insta a Feijóo a rebaixar as peaxes das autoestradas autonómicas e a contribuír a abaratar a AP-9.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2021 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, retou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na véspera de que entre en vigor a rebaixa "histórica" de peaxes na AP-9, a que tamén "tome medidas" para reducir as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica e a que contribúa a incrementar as bonificacións aplicadas polo Goberno central na AP-9

Caballero insta a Feijóo a rebaixar as peaxes das autoestradas autonómicas.
Caballero insta a Feijóo a rebaixar as peaxes das autoestradas autonómicas. | Fonte: PSDEG.

"Se Feijóo di que hai que abaratar os custos das peaxes, el pode facelo, xa que ten competencias e orzamentos", esgrimiu, antes de incidir en que, "mentres a Xunta dedica 600.000 euros ao ano en bonificacións nas súas autoestradas, o Goberno progresista vai achegar 100 veces máis para a AP-9".

"Por cada euro que pon Feijóo, o Goberno de Pedro Sánchez vai pór pon cen", advertiu Caballero, quen, arroupado por varios dirixentes socialistas nunha entrada da autoestrada en Compostela, advertiu de que é "ridículo" que o xefe do Executivo galego cualifique agora de insuficientes as rebaixas de peaxes na AP-9.

Máxime, abundou, "cando el non conseguiu que se fixese ningunha rebaixa substancial cando gobernaban Rajoy e Aznar, cando non se opuxo a aumentar a concesión da AP-9 ata o ano 2048 ou cando non tivo política de bonificacións nas autoestradas galegas".

Nesa liña, incidiu en que "se Feijóo quere ter credibilidade, o que ten é que facer rebaixas nas autoestradas da Xunta e contribuír a un maior abaratamento na AP-9".

"SELO" DOS SOCIALISTAS GALEGO

En calquera caso, reclamoulle "que se poña detrás do Goberno de España e que aplauda a rebaixa histórica das peaxes da AP-9", que "leva o selo dos socialistas galegos e na que se estivo traballando desde o primeiro momento".

Aludía así o responsable do PSdeG a que a primeira reunión que mantivo cun ministro tras a investidura de Pedro Sánchez foi con José Luís Ábalos, entón responsable de Transportes e Mobilidade, para abordar a rebaixa das peaxes da AP-9.

AVE E CAMPAÑA EN REDES

Pola súa banda, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga reivindicou que a rebaixa das peaxes e outras medidas como a chegada do AVE farán que este sexa "o ano da revolución da mobilidade" en Galicia.

Finalmente, o PSdeG puxo en marcha unha campaña nas redes sociais para mostrar a "reivindicación liderada" por Gonzalo Caballero da rebaixa "histórica" das peaxes que entra en vigor este xoves.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Charles

Hai que botarlle morro.