O paro baixa en 5.900 persoas ata xuño en Galicia e créanse 17.000 empregos

A ocupación crece ata os 1.076.700 galegos, que son 17.000 máis que no trimestre anterior (+1,6%).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 09:59

Comparte esta noticia

O paro baixou en 5.900 persoas entre abril e xuño deste ano en Gailcia, o que supón un 3,75% menos que no trimestre anterior, ata situar o total en 152.400 desempregados, segundo a enquisa de poboación activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este descenso intertrimestral, do 3,75%, é lixeiramente superior ao rexistrado polo conxunto estatal, do 3,01%. Mentres, en variación anual, do segundo trimestre de 2021 respecto ao mesmo período de 2020, hai 9.800 parados máis na comunidade galega, un 6,9% (tamén superior ao incremento do 5,22% da media).

Pola súa banda, a ocupación crece ata os 1.076.700 galegos, que son 17.000 máis que no trimestre anterior (+1,6%) e 26.300 máis que no segundo trimestre do ano pasado (+2,51%). Tamén soben os activos, en 11.000 respecto ao primeiro trimestre (+0,91%, por baixo da media) e 36.200 en variación anual (+3,03%, case a metade que a media), ata 1.229.100 persoas.

Unha persoa entra a unha oficina do SEPE (antigo INEM), o día no que se coñeceron os datos de paro de xuño, a 2 de xullo de 2021, en Madrid (España).. Ricardo Rubio - Europa Press
Unha persoa entra a unha oficina do SEPE (antigo INEM), o día no que se coñeceron os datos de paro de xuño, a 2 de xullo de 2021, en Madrid (España).. Ricardo Rubio - Europa Press | Fonte: Europa Press

A poboación galega de 16 anos e máis se reduciu en 700 persoas respecto ao primeiro trimestre pero incrementouse en 1.700 en comparación co segundo trimestre do pasado exercicio, de modo que se sitúa en 2.340.500 persoas.

TAXA DE PARO DO 12,4%

Neste escenario, a taxa de paro galega sitúase no 12,4% e a de actividade, no 52,51%. O desemprego rexistra unha taxa máis baixa para homes (11,27%) que para mulleres (13,61%).

De igual modo, a taxa de actividade é superior entre homes na comunidade galega, do 56,88%, que entre mulleres, que se sitúa no 48,51%. No conxunto estatal, o paro alcanza unha taxa case tres puntos superior á global galega, do 15,26%. Tamén é superior a de actividade, que rexistra un 58,58%.

MÁIS OCUPADOS EN TODOS OS SECTORES SALVO O PRIMARIO

O Instituto Galego de Estatística (IGE) tamén publica este xoves cifras relativas á EPA, e así recolle que, segundo a actividade económica, o número de ocupados neste trimestre aumentou en todos os sectores, excepto no primario.

Na industria, incrementouse en 300 persoas respecto ao primeiro trimestre do ano, a construción rexistra un aumento de 8.000 traballadores e nos servizos a alza cífrase en 8.700 persoas. Pola contra, na agricultura e na pesca produciuse unha caída na ocupación de 100 persoas.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2020, a ocupación diminuíu en industria e sector primario (-8% e -0,3%, respectivamente), mentres que aumentou en servizos un 4,8% na construción un 8,8%.

TEMPORALIDADE DO 24,2%

En Galicia había 867.000 asalariados no segundo trimestre, 657.400 deles con contrato indefinido e os 209.600 restantes con contrato temporal. Os temporais tamén aumentaron, neste caso en 10.800, o que representa en termos relativos unha subida do 5,4% en comparación co primeiro trimestre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta