Críticas ao alcalde de Sanxenxo por facer tests de pago na zona das discotecas mentres o PAC "segue sen reforzos"

CESM pide a dimisión de Telmo Martín por "acusar os sanitarios de facer política e desatender o seu traballo"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

As palabras do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín (PP), sobre os sanitarios do PAC de Baltar seguen a xerar polémica máis alá do pleno municipal. Desta vez, son as asociacións en defensa da sanidade pública as que veñen de cargar contra o rexedor popular por declararse “en contra” de certos traballadores e acusalos de desatender os seus labores por estar a “facer política”.

Telmo Martín
Telmo Martín | Fonte: Europa Press.

A derradeira asociación en sumarse ao rexeitamento contra as palabras de Telmo Martín é a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo. A organización apuntou a “mágoa” que supón a actitude de Martín, ao que acusaron de “culpabilizar os demais” no canto de “recoñecer erros e buscar solucións”. “Tárdanos que nos dedique unhas verbas tamén aos que que conformamos a Plataforma, na que estamos representadas todas as persoas que sufrimos o desmantelamento deste servizo público e universal”, destacan.

En liñas paralelas, a Plataforma acusa a Martín de ter culpabilizado a xente nova pola baixa afluencia dos últimos cribados; unha circunstancia ante a cal asociación apunta a unha mala xestión loxística que tería tirado á baixa a parrticipación. De xeito semellante, a Plataforma lanza unha crítica ao rexedor pola decisión de “contratar persoal para facer test de pago nas zonas de movida e non para a Atención primaria”.

A asociación tamén aproveitou para agradecer ás edís Vanessa Rodríguez Búa e Sandra Fernández Agraso por "defender no pleno" a difícil situación do PAC de Baltar, que segundo apuntan "segue sen reforzos". "Nesta quinta vaga de Covid, a carga asistencial está sendo moi dura para a Atención Primaria. O Sr. Telmo Martín non respondeu á pregunta que lle trasladaron: Que está facendo para mellorar as condicións do persoal e atención no PAC de Baltar?", finalizan.

CESM PIDE DIMISIÓN

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) pide a dimisión do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, por "acusar os sanitarios de facer política e desatender o seu traballo" no pleno municipal deste pasado luns.

A través dun comunicado de prensa, CESM critica que o rexedor "acusou os sanitarios do Punto de Atención Continuada (PAC) e do Centro de Saúde de Sanxenxo-Baltar de facer política e desatender o seu traballo profesional", tal e como publicou o Galicia Confidencial 

"O rexedor chegou a dicir que a PAC de Baltar funciona ben, pero podería funcionar mellor se algúns dos profesionais que hai alí dedicásense máis ao seu labor como médicos e como enfermeiros que a facer política", criticou este sindicado médico. "Por se non fose suficiente con esas declaracións engadiu que 'estou en contra dalgúns que están a facer as cousas moi mal porque lles dá a gana, e non merecen o traballo que teñen'", lamentou.

Por iso, CESM manifesta "a súa máis enérxica repulsa" a unhas declaracións que ve "incomprensibles, irresponsables e absolutamente desconsideradas e inxustas", tanto con "os profesionais da PAC e do Centro de Saúde de Sanxenxo-Baltar como cos cidadáns da localidade e cos miles de turistas e visitantes" que cada verán visitan a zona "e merecen unha atención digna e resolutiva".

O alcalde, lembra CESM, fixo esas manifestacións a raíz do rogo que a concelleira socialista Ainhoa Fervenza trasladoulle respecto dunha reunión que lle pediron os sanitarios hai case un ano, para exporlle a necesidade de reforzar o persoal sanitario en Atención Primaria, e "evitar o colapso que sufría o servizo, que coa chegada de miles de turistas agravaríase".

"ABSOLUTAMENTE IMPLICADOS"

Así, CESM Galicia afirma que "os profesionais están absolutamente implicados no seu traballo" e, agrega, "o único que demandan son os medios imprescindibles para poder realizar a súa función e atender con dignidade, eficiencia e calidade ás persoas que o precisan".

Por iso, este sindicato médico conclúe que "con esta actitude Telmo Martín se deslexitima como máximo representante dos cidadáns de Sanxenxo, que non parece que sexan a súa preocupación prioritaria", polo que, sentenza CESM, "o máis digno sería que presentase a súa dimisión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Ese señor, ao igual que os altos cargos da Consellería de Sanidade (e os demais membros do goberno de Galicia), ten máis que demostrado que é unha persoa á que se lle debeu perder toda a vergoña que debería ter nalgún intre (se é que algunha vez tivo tal posesión). Porque cada vez que ve problemas carga contra persoas ou colectivos alleos ao orixe dos mesmos, en lugar de ver para o seu entorno político e social que é o lugar de onde soen proceder a cuase totalidade dos problemas deste país e do seu concello.