Máis vacinas, ampliar o uso de Janssen e unha lei de pandemias, entre as 10 medidas que Feijóo leva a Salamanca

O presidente galego tamén quere "garantir" que as comunidades xestionen o 50% do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2021 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudirá á reunión entre mandatarios que terá lugar este venres en Salamanca --e que, insiste, "non" concibe como unha Conferencia de Presidentes-- cun decálogo de dez propostas para combater a pandemia, a crise económica e o reto demográfico.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

No marco da crise sanitaria, Feijóo reivindicará a necesidade de que o Goberno central "siga traballando" para lograr a chegada de máis vacinas contra a covid-19 tentando recuperar o nivel de subministración de xuño, así como reconsiderar e ampliar, se é posible, o uso da vacina Janssen --sostén que o protocolo español é máis cauto do que determina a propia ficha técnica do fármaco--.

En concreto, dado que a ficha da vacina permite o seu uso en maiores de 18 anos e a propia Estratexia Nacional de Vacinación admite a súa administración neste tramo de idade en certos colectivos, defenderá un acordo para someter aos órganos do próximo Consello Interterritorial de Saúde a posibilidade de habilitar a administración voluntaria desta vacina nesta franxa de idade, previa firma de consentimento informado.

Así mesmo, quere planificar a estratexia estatal de vacinación dos próximos meses. Non en balde, a Xunta cre que a posible necesaria administración dunha terceira dose ou o resultado dos ensaios clínicos de uso da vacina en menores de 12 anos condicionarán "enormemente" o futuro do dispositivo de vacinación, tanto desde o punto de vista dos recursos humanos como desde o loxístico.

Feijóo tamén considera que a vacinación de menores ten "un grande impacto na organización dos protocolos dos centros educativos, polo que o Goberno central e as Comunidades deberían comprometerse a pechar no mes de agosto un calendario estimado nestes ámbitos para que os servizos sanitarios e os educativos poidan "planificar con antelación" a organización destes procesos.

Sobre a aplicación para os certificados de vacinación, o dirixente galego buscará, así mesmo, un compromiso por parte do Goberno central de desenvolver un sistema nas próximas semanas que permita ler o código QR do certificado emitido pola propia comunidade e dos emitidos no resto de España e noutros estados membros da Unión Europea, así como avisar da súa caducidade pasados o seis meses ou mostrar a validez das probas PCR ou antíxenos realizadas nas 48 ou 72 horas previas.

E tras o acordo alcanzado coa Xunta --que incluirá na súa lei unha disposición adicional para aclarar que a vacinación é voluntaria-- que permitirá o recurso de inconstitucionalidade contra a lei autonómica de saúde, Feijóo reclamará unha lei de pandemias e expón que o Goberno se comprometa a impulsala no próximo período de sesións nas Cortes.

FRONTE Á CRISE ECONÓMICA

No apartado económico, Feijóo exporá que se garanta que as comunidades xestionen o 50 por cento do mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e que se renove o compromiso de Administración central coas autonómicas para "unha saída cohesionada" da crise. En concreto, a Xunta quere que se acceda a que as comunidades poidan ter participación nas axudas destinadas á política industrial.

Tamén esixirá, como xa avanzou reiteradamente (co foco nos fondos europeos Next Generation), "máis coordinación, transparencia e obxectividade" na repartición das axudas europeas. A Xunta desexaría que se acordase elaborar un calendario global das conferencias sectoriais onde se concrete cando termina a asignación inicial de recursos.

Así mesmo, o dirixente galego exporá que Goberno e comunidades acorden fixar en breve os criterios de preparación e selección das candidaturas nos proxectos público-privados e nos de carácter estratéxico (Perte). Tamén se pretende que o documento inclúa datos acerca da intensidade das axudas para que as compañías poidan avaliar o alcance dos seus proxectos de investimento e financiamento.

RETO DEMOCGRÁFICO

E en clave de reto demográfico, Feijóo ve necesario reactivar os traballos e retomar o diálogo na estratexia estatal.

Tamén proporá, en décimo lugar, incluír ás comunidades como potenciais beneficiarias das subvencións para proxectos innovadores de transformación territorial e loita contra o despoboamento que está a deseñar o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta