Nova Pescanova e o Deportivo incrementan as perdas que achegan a Abanca a 24,75 millóns ata xuño

A sociedade para proxectos con fondos europeos e outra de investimentos corporativos, entre os investimentos máis significativos da entidade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

Nueva Pescanova e o Real Club Deportivo da Coruña incrementan as perdas que achegan a Abanca ata situalas en 24,75 millóns a 30 de xuño de 2021. Así o recolle a actualización do informe de revisión limitada de Abanca remitido este xoves pola entidade financeira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

En concreto, baixo o epígrafe de ganancias ou perdas despois de impostos procedentes de actividades interrompidas, a cifra negativa que arroxan estas dúas sociedades é de case 24,75 millóns de euros.

O 3 de abril de 2020, Abanca adquiriu un paquete de títulos equivalente ao 39,8% do capital social da sociedade Nueva Pescanova. Tras esta compra, pasou a ser o titular do 80,46% das accións da pesqueira.

Posteriormente, o 23 de febreiro de 2021, Abanca acudiu á ampliación voluntaria de capital anunciada por Nueva Pescanova, pasando a ser titular do 97,48% das accións da pesqueira. En xuño, o grupo adquiriu un paquete de accións do 0,02% de participación da sociedade, pasando a controlar un total do 97,5% de participación de Nueva Pescanova.

Mentres, en xullo de 2020, dentro dun proceso de capitalización de débeda, Abanca converteuse no principal accionista do Real Club Deportivo da Coruña, cunha participación en capital do 76,9%.

Por iso, os activos e pasivos achegados pola consolidación de Nueva Pescanova, S.A. e do Real Club Deportivo da Coruña, S.A.D. consideráronse como un "grupo de disposición e operación en interrupción, e deste xeito rexistráronse respectivamente nos epígrafes activos non correntes e grupos enaxenables de elementos que se clasificaron como mantidos para a venda e pasivos incluídos en grupos enaxenables de elementos que se clasificaron como mantidos para a venda dos balances consolidados adxuntos.

O resultado achegado desde a toma de control rexistrouse no epígrafe ganancias ou perdas despois de impostos procedentes de actividades interrompidas das contas de perdas e ganancias consolidadas.

Presentación de reusltados de Abanca. ABANCA
Presentación de reusltados de Abanca. ABANCA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta