Feijóo denuncia o modelo "convulso" catalán fronte a "estabilidade" galega

Destaca que o país é, agora, un "país atractivo" para os inversores extranxeiros que mercan as empresas galegas como Pemex ou Banesco e defende a súa política social. "Temos logrado que o estado do benestar estea intacto", presume.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/12/2013 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A situación política de Catalunya serviulle de excusa ao presidente da Xunta para pasar por alto a grave crise que padece o país. De feito, Alberto Núñez Feijóo, comparou a "estabilidade social e política" que vive Galicia coas "aventuras que levan a outras comunidades á división e á incerteza", en alusión a Catalunya.

Feijóo na tradicional mensaxe de fin de ano
Feijóo na tradicional mensaxe de fin de ano | Fonte: Xunta

Na súa tradicional mensaxe de Nadal, Feijóo criticou á Generalitat por "crear fendas artificiais, agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles". "Crear frustración non é o obxectivo da política democrática. Xerar identidades excluíntes, conduce a enfrontamentos que poden tardar en cicatrizar. Fronte a ese modelo convulso, os galegos seguimos outro tranquilo", suliñou.

E é que para Feijóo, o modelo galego é o da "estabilidade". "A nosa identidade é tan forte como calquera, pero non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras, nin fomentar o illamento", apuntou. E é que para o presidente galego, "España é unha patria común e solidaria, e Europa un marco de convivencia compartido".

"Non receamos dos veciños, senón que sempre vemos neles aliados cos que unir esforzos. Galicia, en definitiva, é responsable e fiable", engadiu.

Galicia, atractiva para Pemex ou Banesco

O presidente galego insistiu no traballo que fixo para Galicia sexa, segundo dixo, "unha das comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos". Referírese a compra de NGB pola venezolana Banesco ou as promesas --aínda non cumplidas-- da méxicana Pemex de realizar varios floteis no pais. "A chegada de investidores aos sectores máis diversos, dende o naval ata a banca, é unha mostra de que emprendedores e multinacionais importantes queren iniciar unha andaina con nós. Confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional", apuntou.

Por iso, presumiu de "recuperación" e do "deber cumprido" e destacou a defensa do servizos públicos durante o seu executivo.

Máis servizos públicos

"Temos logrado que o substancial da Autonomía do benestar estea intacto, e todos os galegos poden ter confianza plena na solvencia e na continuidade dos Servizos Públicos", apuntou.

Feijóo di que "non ignora" eses "dramas que están ao noso redor". "Cómpre dar respostas que non sexan efémeras, que permitan robustecer a sociedade e a economía, que garantan a continuidade desa idea común que chamamos Galicia", engadiu.

Sen embargo, defendeu as medidas postas en marcha estes anos. "Estámolo facendo con decisións que son moi semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia", dixo.

Feijóo elexiu o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia para a súa mensaxe de Nadal. Un escenario no que presumiu, ademais, de solidariedade. Esta é a súa mensaxe de fin de ano íntegra:

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2013

Boas tardes.

Estamos no Centro de Transfusión de Galicia, no mesmo lugar onde a noite do 24 de xullo, miles de galegos responderon ante a maior catástrofe da nosa historia cun exemplo e o fixeron dunha forma da que nos sentimos orgullosos. 

Quero que as primeiras palabras sexan de recordo para as persoas falecidas na traxedia de Angrois, de alento para as súas familias nestas datas tan sinaladas. 

Pero quero tamén acordarme das galegas e dos galegos que aquela noite se achegaron ata aquí para doar o sangue que necesitaban os feridos, así como de todos os que dun ou doutro xeito colaboraron, axudaron, ou cumpriron co seu deber de socorrer aos afectados. Aquela fatídica noite vimos unha Galicia a disposición de Galicia.

A miña presenza aquí é unha maneira de renderlle homenaxe a todos os que, dende este mesmo lugar, demostraron que o noso é un pobo solidario e un pobo unido. Grazas de todo corazón. 

Galicia amosouse, coma sempre o fixo nos momentos difíciles, como unha familia grande que camiña xunta dende tempo inmemorial, e quere manterse xunta no futuro. Sabemos de onde viñemos, sabemos onde estamos e sabemos a onde imos.

Nestes días de xuntanza, os galegos temos a sorte de congregar en torno á mesma mesa diferentes xeracións. Ninguén máis apto que os nosos maiores para lembrarnos que ningún tempo pasado foi mellor. As súas lembranzas axudan a entender con perspectiva a encrucillada na que se atopa o noso país. É unha situación difícil que esixe esforzos e sacrificios. Mais aló das estatísticas, a crise afecta a persoas que ven en perigo as súas posibilidades, en risco o seu proxecto vital. 

Quen ten responsabilidades públicas nin pode ignorar eses dramas que están ao noso redor, nin pode enganar a xente afirmando que as solucións son simples. Non o son. 

Cómpre dar respostas que non sexan efémeras, que permitan robustecer a sociedade e a economía, que garantan a continuidade desa idea común que chamamos Galicia. 

A gran diferenza entre estas turbulencias e as que tiveron que padecer os que nos precederon, é que a nosa terra non está soa, nin carece de ferramentas propias para erguerse de novo. Formamos parte dun mundo que soubo conciliar liberdade e desenvolvemento. Compartimos con ese mundo desafíos, inquedanzas e medidas destinadas a preservar un modelo de vida que queremos para nós e para os que nos han de suceder. 

Preservalo non é posible co inmobilismo. Todo o que conseguimos na democracia pode morrer se non somos quen de axustalo ás novas necesidades. Estámolo facendo con decisións que son moi semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia. 

A súa responsabilidade non lles permite negar teimosamente os problemas ou pospoñer temerariamente as solucións. A nosa, tampouco. Eles queren para os seus o mellor dentro das condicións que veñen impostas pola realidade. Nós, tamén.

En vésperas da chegada do novo ano, este Centro de Transfusión de Galicia, que xustamente este ano 2013 cumpriu o seu 20 aniversario, é exemplo dun modelo público de benestar en pé dende hai moito tempo e que, malia a crise, estamos sendo capaces de manter e de mellorar. 

Ademais diso, o noso país ofrece unha estabilidade social e política que contrasta con aventuras que levan a outras comunidades á división e á incerteza. Para a nosa idiosincrasia, non é doado entender que as institucións sirvan para crear fendas artificiais, agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles.

Crear frustración non é o obxectivo da política democrática. Xerar identidades excluíntes, conduce a enfrontamentos que poden tardar en cicatrizar. Fronte a ese modelo convulso, os galegos seguimos outro tranquilo. A nosa identidade é tan forte como calquera, pero non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras, nin fomentar o illamento. Vemos en España unha patria común e solidaria, e en Europa un marco de convivencia compartido. 

Non receamos dos veciños, senón que sempre vemos neles aliados cos que unir esforzos. Galicia, en definitiva, é responsable e fiable.

Así o ven aqueles que nos últimos tempos decidiron compartir con nós a súa enerxía. Galicia é unha das comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos. A chegada de investidores aos sectores máis diversos, dende o naval ata a banca, é unha mostra de que emprendedores e multinacionais importantes queren iniciar unha andaina con nós. Confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional. 

Certamente, non creo que sexa casual que boa parte deses capitais proceda de nacións onde a nosa xente sementou un prestixio que poucos outros pobos teñen. Saben como somos e cren en nós e nas nosas capacidades. 

Galicia está no mundo e o mundo está en Galicia. Cumprimos así un dos requisitos fundamentais para iniciar a fase da recuperación. Ese recoñecemento internacional certifica que a sociedade galega está facendo ben as cousas. 

Esa aposta por nós de compañías habituadas a avaliar con precisión as posibilidades dun territorio, evidencia que estamos no bo camiño. Os esforzos non son estériles. 

Dicir a verdade é o primeiro mandamento dun gobernante. Cando Galicia iniciou a súa ofensiva contra a crise, o diagnóstico non admitía paliativos: estabamos nunha situación de emerxencia. Negalo entón era irresponsable. Negar agora que se albisca un novo horizonte, é abonarse a un pesimismo que en nada axuda a reiniciar a senda do crecemento. Europa, España e Galicia están saíndo pouco a pouco da súa convalecencia. Hai que dicilo con tanta prudencia como convicción.

Dicíalles que falarlles dende este Centro de Transfusión é unha maneira de render homenaxe á nosa solidariedade. Ningún galego é alleo para outro galego. Existe entre nós un vencello que nin sequera pode romper a distancia, como o demostra o feito de que Galicia sexa algo presente e vivo na emigración. 

O que nos identifica é a capacidade para arroupar o compatriota en dificultades, para socorrer o que precisa da nosa axuda. Non somos un país por estar xuntos, senón por facermos cousas xuntos e axuntarnos fronte á adversidade.

O mundo ollou admirado a reacción dos galegos diante da catástrofe ferroviaria de Angrois. Aquelas xornadas quedaron xa inscritas para sempre na nosa historia. Nos lugares máis afastados do mundo, millóns de persoas sentiron que aqueles homes e mulleres que rescataban, coidaban ou consolaban, estaban representando o  mellor do xénero humano. Cómpre conservar ese espírito e facer del a nosa divisa. Eu penso que os galegos somos así e queremos seguir sendo así.

Con ese desexo, expreso a miña felicitación a todos. Somos un gran pobo que vén de lonxe e quere ir lonxe. Confiemos en nós. Miremos o futuro con decisión. 

Deséxolles boas festas e un 2014 que dea resposta a todas as nosas esperanzas. 

Moitas grazas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

12 Un de CxG.

Patético Feijóo, servindose das víctimas de angrois para consolidar o seu feixismo no goberno nacional.

11 Un galeguista.

Maldito pepero manchas a nosa bandeira nacional ó lado do trapo feixista ese.

10 eusi

PPatético

9 El PPresidente

Y partiendo de la nada, hemos alcanzado las más altas cotas de miseria.

8 XanKaraLlás

A diferencia entre Galiza e Cataluña é que Galiza traga e Cataluña loita polos seus dereitos. Galiza emigra. Cataluña traballa pola súa prosperidade na propia terra, sen ir buscar fóra as solucións aos seus problemas, mantendo a súa propia identidade. O resultado é que Cataluña é un país moito máis desenvolvido que Galiza. Galiza ten complexo e é sumisa ante Castela. Cataluña defende o seu dereito á autodeterminación. Galiza é ignorante e subdesenvolvida mentalmente. Cataluña é moito máis culta e progresista (sempre dentro do que cabe, porque non existe ningún pobo verdadeiramente culto). Iso ten o seu reflexo á hora de votar, cando os galegos quedan como parvos diante de toda España e os cataláns demostran máis intelixencia e valoración da súa propia identidade.

1 Rayleigh

Claro...Deixate de lerias. Temos PP para rato por que NON HAI ALTERNATIVA. O PP consegue votos para ter 41/75 deputados. Alternativa? BNG 07/75, ANOVA 3/75. Quen defende os dereitos dos galegos? O BNG en liortas internas perdendo o tempo en ver si van con uns ou outros. ANOVA creada para meterlle o dedo no ollo ó BNG. O PCE non toca terra coa lotería que lle tocou hai un ano. PSOE composto de vendidos? ALTERNATIVA? Unha unión a 4 que ía estar matándose entre eles todo o tempo? Os "nacionalistas galegos" que din que a opinión dos galegos é algo "secundario? Os cataláns non son máis listos nin cultos. Son xente que teñen sorte de ter outras alternativas viables ó PPSOEIU. Non hai alternativa. Mentras non a haxa, todo o demáis son choros e perdas de tempo. A xente quere xestores. E os únicos que dan este perfil é o PP. Mentras os galeguistas non sexa quen de tomarse e tomar en serio os galegos, non hai nada que facer. Pero dar esta imaxe é ser "de dereitas" e "feixista".

2 Rayleigh

E se por isto fora pouco, nas "alternativas" fronte o PP, temos o PCE e PSOE que de autodeterminación, tururú. E todos istos suman o 80% dos votos e 65/75 deputados. Plantexarse algo parecido a autodeterminación é unha utopía e de flipados hoxe en día. Unha perda de tempo. E dos outros 2 quen levará o peso? No BNG quen será? Jorquera? Vence? Outro? E en ANOVA con Beiras de 78-79 anos, quen máis? Tanto no BNG como en ANOVA, sexa quen sexa, será inmediatamente machacado polos seus propios compañeiros mentras o PPSOEIU, comen palomitas. E isto a nivel político. Non entramos a nivel social, económico...que sería como falar de OVNIS. Dá para escribir un libro do "querer e non poder" do nacionalismo galego" e así levan 30 anos, a ver quen o ten máis grande. O sentimento galego, por suposto. Algo que interesa moitisimo os galegos. Moito máis que unha alternativa política crible, a economía, e emigración...Onde imos parar!!

3 frijoleswhitvieiras

e verdade esto é unha vergonza, ata upyd e mario conde, e o partido do sen escano sacaron mais votos que coaligacion por Galicia, a xente esta neste pais desorientada, desnortada, pola crise do nacionalismo polo lio que montou o vello @vieiras, con @vieiras frijoles para rato... para moito tempo, xa poden os frijoles acompañarse de marijuana ou de opiaceos ou coca, narco-presidencia todo da igual o vello arruinou a oposicion galega durante moitos anos, con tanta traizon e cambiochaquetismo e palleiro e rico aniquilando opositores... a xente prefire sinxelamente a abstención mellor que nada.

4 XanKaraLlás

¡Que parvadas dis, Ray! Polo de pronto, e non vou falar máis, unha MENTIRA: O PCE defende expresamente a autodeterminación, e ti dis que non.

5 Agencias

O PCE defende o dereito de autodeterminación para España, Ceuta, Mellilla e o Sahara Occidental, mias non para Galiza

6 Rayleigh

Si home!! Tamén é republicán e vaia se pactou co herdeiro de Franco!! Xa...o dereito de autodeterminación...Tamén o PP é galeguista, iso é o que din eles. Vota PP, entón! Cantos anos tes? Xa está ben de timos da estampiña, non cres? E dese dereito de autodeterminación, que pensan en Madrid e Andalucía, principais graneiros de votos do PCE? Vannos sacrificar polo dereito galego a decidir? Estás de coña, non? Liches o que escribiu sobre o tema FRANCISCO FRUTOS, ex-Secretario Xeral do PCE? Pois iso. Cos partidos estatais, XAMAIS hai que contar para conseguir máis autogoberno. XAMAIS. Aparte...se algúen cre que o PCE vai repetir estes resultados, que deixe as drogas. Por suposto que non vas falar máis. A realidade éche dura de máis, non rapaz? Polo menos agradezoche que non te fagas o gracioso como tantos por aquí que comezan a farfullar incoherencias cando escribo as miñas razóns. Aaahh...a miña noraboa polo acordo PP-PCE en Oviedo de hai uns días.

7 Rayleigh

Ogallá fora Beiras só. Hai vicios no nacionalismo que veñen dende décadas: busca do pleno apoio senón os que non estén dacordo, malmeten. Estructuras internas herdadas da clandestinidade. Atención a xente que se representan a si mesmas, minifundismo, cainismo que provocan que a mensaxe se perda e a xente que quere votar por opcións galegas non sabe que vota. Son un cidadán corrente. Por iso que me importa se nunha decisión se lle consultou a fulanito? Que me importa se había outras opcións? Quero UNHA. E quero que a leven a práctica e de paso, machaquen ó PP. En fin...como xa dixen, dá para un libro. Pero resúmese en: O PP gaña, por que non hai alternativa. Poñen a un chimpancé, que a xente votaráno. Non hai outra. Méritos do PP? NON. Deméritos dos nacionalistas. Que non entenden nada. NADA. Unha oposición válida ten que dar unha mensaxe crible, clara e dar sensación de que podes ocupar o goberno inmediatamente. ANOVA e BNG non están en condicións disto.

8 FUN_EU

Totalmente de acordo. A "tranquilidade" galega da que fala F. só servíu para ser esclavos do resto da Espanha dende hai 5 séculos. Non hai proceso máis apaixoante e fermoso que o que está a levar adiante Catalunya: fronte a ameazas de intervención militar, críticas dende posturas "democráticas" que descoñecen o dereito dos pobos a decidilo seu destino, fronte ás críticas a todo o catalán, ás vergoñentas manipulacións para sabotear ata o cava no nadal e ani novo; fronte a toda isa baixeza, da envexa ver cómo seguen a súa liña e traballan polo seu futuro. Os meus mellores desexos para eles, non merecen menos.