A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que a Atención Primaria "está morta"

Unha das portavoces da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, denunciou este venres que a Atención Primaria "agora mesmo está morta".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2021 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

Unha das portavoces da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, denunciou este venres que a Atención Primaria "agora mesmo está morta". A activista aludiu aos "moitos problemas" que padecen en toda a comarca, citando os casos dos concellos de Burela, de Ribadeo e de Foz.

Manifestación en Santiago de Compostela dos médicos de Atención Primaria de Galicia para solicitar maior tempo de atención aos seus pacientes
Manifestación en Santiago de Compostela dos médicos de Atención Primaria de Galicia para solicitar maior tempo de atención aos seus pacientes | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

"Cando lle preguntas ao Sergas o único que din é que non teñen médicos, e iso de que non hai médicos xa o sabemos", salientou.

A portavoz da plataforma ten claro que "esta situación que existe agora sabíase que ía chegar desde hai dez anos", cando recollía a testemuña do Goberno galego o PP da man de Alberto Núñez Feijóo.

"Sábeno porque eles controlan a xente que se vai xubilar, e máis xente que se vai a xubilar en catro anos, e isto vai petar. A Atención Primaria está agora mesmo morta", protestou.

As incidencias no servizo na Mariña levan a pór o foco no caso de Burela, "onde se eliminou a quenda de tarde" no centro de saúde. Ou en Foz, "onde se sitúa a única ambulancia medicalizada do Sergas na Mariña, e onde eliminaron ao segundo técnico de transporte sanitario".

Ademais, neste concello lamentou que a PAC "non conte con matrona", a pesar de que a poboación supera os 10.000 veciños en Foz, unha poboación que se multiplica no verán.

Xa en Ribadeo, Porteiro destacou que "se producen moitos problemas, porque durante moito tempo houbo seis facultativos na quenda de mañá, agora están ao 50 por cento, é dicir contan con tan só tres" médicos na PAC ribadense.

Unha situación, engadiu a portavoz da Plataforma Sanitaria da Mariña, que "se estende por toda Galicia", antes de avanzar que seguirán "mobilizándose" para frear que se siga mantendo esta tendencia de "recortes" na sanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta