O auxe dos escape room en plena pandemia, agora máis tecnolóxicos e envolventes

Esta é unha alternativa de ocio moi recente que cada día gana máis adeptos. Nas salas de escape o que se fai e encerrar a un grupo de persoas co obxectivo de que estas vaian solucionando os enigmas necesarios para saír da habitación antes de que o tempo acabe.

Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“O 90% da xente que xoga por primeira vez a un escape room repite, porque realmente engancha. É unha actividade na que a xente entra para ver o que pasa e sae ca adrenalina ao máximo e con ganas de facer outras salas”, explica o xerente do establecemento coruñés The Rombo Code, Fran Suárez. E é que as salas de escape son unha das actividades de ocio que máis de moda están nos últimos anos e das que se teñen unhas moi boas perspectivas de futuro.

Xogadores nunha sala de escape room - EFE
Xogadores nunha sala de escape room - EFE

Un escape room é unha sala onde se encerra a un grupo de persoas para que, resolvendo unha serie de enigmas, consigan escapar no menor tempo posible. O perfil de xogador máis habitual está na franxa de entre 30 e 45 anos, pero é unha actividade na que os públicos son moi variados. De feito, Alberto Rivadulla, xerente do establecemento pontevedrés Área 60, comenta que, a pesar de que non entraba nas súas previsións, tiveron que adaptar unha sala para os máis pequenos. “A principal idea era facer as salas para xente maior de idade pero ao final era tanta a demanda que había de nenos de 9 e 10 anos para facer aniversarios que tivemos que adaptar unha sala”, di Rivadulla.

Ademais, este tipo de ocio conta da vantaxe de que non é necesario ter ningunha habilidade mental ou física para realizalos. No negocio de Santiago de Compostela Coco Room teñen, incluso, unha sala completamente acondicionada para que as persoas con problemas de mobilidade poidan entrar. O seu xerente, Adrián Nistal, di que só teñen un requisito para poder xogar. “O único que pedimos é abrirse de mente, chegar con positividade. Vas a pasalo ben. Dá igual que non teñas experiencia”, indica Nistal.

As salas de escape estiveron en constante auxe desde a súa instalación, que en Galicia é aínda moi recente. De feito, a pesar de estar pechados durante o confinamento, si que observaron como a afluencia aumentou considerablemente en canto os deixaron abrir. “Cando nos permitiron abrir o ano pasado -nos meses de verán e 15 días en Nadal- tivemos un boom bastante grande e puidemos facturar para ir tirando”, comenta Rivadulla.

MÁIS TECNOLOXÍA E ELECTRÓNICA

Os xerentes dos establecementos comentan que cando apareceron os escape room valía con poñer pequenas cousas nas habituacións para que o negocio saíra adiante, pero agora a xente xa demanda máis calidade e tecnoloxía. “Nunha habitación poñías catro cousas e iso funcionada e gustaba. Agora mesmo non vale calquera cousa. O consumidor de escape room xa esixe historia, temática, decoración, ambientación...”, explica Nistal.

Suárez destaca que é unha actividade a que aínda lle queda moito camiño por adiante xa que a gran maioría dos clientes que hai na actualidade é a primeira vez que xoga. Con todo, tamén destaca que a sociedade xa demanda salas máis complexas e elaboradas. “Seguramente serán salas máis tecnolóxicas, con efectos máis sensacionalistas e con máis inmersión na historia pero está sendo unha actividade en crecemento e penso que vai seguir sendo durante bastantes anos”, finaliza Suárez.

ESCAPE CITY, A ALTERNATIVA NO EXTERIOR

A pesar do seu pouco percorrido, os escape room xa están vendo como o negocio está evolucionando por outras vías e se están creando novas alternativas ás que xa están implantadas. Este é o caso de Escape City Box, a alternativa para facer escape room urbano. Escape City Box xa está instalado en máis de 50 cidades españolas e o seu obxectivo e xogar polas rúas das cidades como se as persoas estiveran vivindo unha película en primeira persoa. “Eles teñen que ir resolvendo probas pola rúa empregando os materiais que veñen na caixa que lle enviamos e tamén interactuando con algúns edificios da cidade”, explica o CEO da cadea, Roberto Barroso.

Esta compañía instalouse en A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo xusto despois do confinamento e, a pesar da incerteza por como podían ser os resultados logo dese período, superaron todas as expectativas. “Co tema do confinamento a xente animouse máis porque non había moitas cousas que facer no exterior. Na Coruña foi nun dos lugares onde máis se vendeu o ano pasado e este ano está funcionando moi ben en Vigo”, comenta Barroso.

Ademais, Barroso tamén destaca que desde xullo do ano pasado o volume de vendas e facturación da compañía non parou de crecer. “Esperemos que cando acabe a Covid siga ese tendencia para arriba”, expón. De feito, a cadea segue en plena fase de expansión e esperan instalarse en Lugo, Ourense e Pontevedra antes de novembro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta