O delegado do Goberno tacha de "lamentos infundados" as críticas de Feijóo ao investimento estatal en Galicia

Reivindica as partidas destinadas e medidas como a rebaixa das peaxes na AP-9.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/08/2021 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou o investimento do Executivo central na comunidade autónoma, cun investimento directo no que vai de ano de 3.909 millóns, á vez que tachou de "lamentos infundados" as críticas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones | Fonte: Delegación do Goberno.

Na presentación do informe de rendición de contas do Goberno 'Cumprindo', fixo repaso das medidas adoptadas polo Executivo, entre elas a rebaixa de peaxes na AP-9; a prórroga do bono social, aprobada este martes en Consello de Ministros e do que se beneficiarán 87.000 galegos e galegas.

O delegado do Goberno detallou tamén que a acción do Executivo inclúe "medidas de choque" nos ámbitos económicos e sociais "que supuxeron un forte investimento en Galicia", así como "medidas sanitarias" e transferencias á Xunta "históricas".

Así, apuntou que o ano pasado houbo transferencias extraordinarias á Administración galega por 1.469 millóns de euros. "Estes fondos permitiron que os ingresos da Comunidade crecesen un 8,8%, pero sen eles baixarían un 5,4%", apostilou.

No que vai do presente ano, apuntou que "as transferencias do Goberno de España á Xunta alcanzan a cifra de 9.621 millóns de euros". "Só as transferencias ordinarias supoñen 2.936 euros por galega e galego fronte aos 2.572 euros de media nacional por habitante".

"Representamos o 5,7% da poboación e recibimos o 6,9% dos fondos", asegurou destacando, ademais, que no ámbito sanitario entregáronse ao Sergas 3,5 millóns de doses de vacinas pola Covid.

PIDE LEALDADE INSTITUCIONAL

En base a estas cifras, o delegado do Goberno sinalou que "a discriminación da que fala a Xunta é unha discriminación positiva" e considerou que, por iso, o presidente da Xunta debería estar "agradecido". "E demostrar a lealdade institucional da que presume, pero que non exerce", engadiu.

Mentres, cualificou de "histórica" a transferencia que o Goberno fará aos concellos fronte a unha Administración galega "que non transfire recursos" aos municipios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta