O PSdeG advirte que a economía galega "vai por detrás" e esixe á Xunta "que se poña as pilas" cos fondos anti covid

O senador Fernández Leiceaga e a deputada Marina Ortega subliñan que agora toca a reactivación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2021 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O PSdeG pide á Xunta "que se poña as pilas" na xestión dos fondos extraordinarios para facer fronte á crise da covid, ao advertir que a economía galega "vai por detrás" en indicadores relativos á creación de emprego e a diminución do paro.

En rolda de prensa, o senador socialista Xoaquín Fernández Leiceaga e a deputada Marina Ortega subliñaron que, en paralelo co avance da vacinación, agora toca a reactivación económica. Optimista porque a vacinación "está a ser un éxito", Ortega reivindicou tamén que Galicia "é a quinta que máis fondos anticovid recibe" do Goberno central. "É o momento de usar a cabeza e o sentidiño para optimizar os recursos", subliñou.

Pola súa banda, Fernández Leiceaga, que fixo balance do último semestre político, con avances "progresistas" nalgunhas leis como a de protección da infancia e a adolescencia e a de cambio climático, apuntou a esta "nova fase" de saída da crise do coronavirus para avisar de que "a economía de Galicia está a atrasarse, vai por detrás".

"Hai indicadores, sobre todo de emprego, que así nolo indican", avisou, sobre a redución do paro rexistrado en menor nivel que no conxunto estatal e a creación de ocupación tamén por baixo da media. Para Fernández Leiceaga, a comunidade está "a aproveitar menos as forzas de recuperación que están a afectar de forma moi intensa ao conxunto da sociedade española".

Por iso mostrouse preocupado e por iso cre que "é aquí onde hai que esixirlle moito máis á Xunta". "Ten que deixar de ser unha especie de crítica constante á acción do Goberno do estado para pasar a dar trigo, a facer cousas, a cumprir cos cidadáns adecuadamente", incidiu.

Neste sentido, reclamou "un enorme esforzo para que sexa eficaz na xestión destes fondos (os transferidos para a loita contra o coronavirus), conseguindo que a creación de emprego se sitúe na liña da sociedade española".

Así, avogou por "crear emprego, modernizar tecido produtivo e pór a Galicia en liña coa economía española". "Hai que pedir á Xunta que faga esforzo, que se poña as pilas. O Goberno Sánchez cumpre. A cogobernanza é unha realidade innegable e a Xunta ten que garantir a xestión dos fondos", resolveu.

Arquivo - Leiceaga no Senado. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Leiceaga no Senado. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta