Continuismo e cambio na pandemia

Poucas semanas despois de comezar a pandemia, diversos analistas atrevéronse a formular prognósticos sobre os impactos da crise sanitaria nos comportamentos sociais e nas estruturas económicas e políticas existentes nos ámbitos estatal, nacional e internacional.

Por Xesús Veiga | Compostela | 06/08/2021

Comparte esta noticia
Dado o pouco tempo que tiña transcorrido, aquelas reflexións non dispuñan de soportes empíricos solventes que permitiran establecer conclusións suficientemente contrastadas. Algunhas eran consecuencia dunha construción mental teoricamente irreprochábel: se estabamos vivindo un fenómeno mundial inédito dende o remate da II Guerra Mundial resultaba congruente pensar na verosimilitude de mutacións moi relevantes nas dinámicas sociais vixentes ate ese momento. Outras disquisicións operaban mais no territorio dos desexos: a gravidade do sucedido constituía unha oportunidade para revisar as lóxicas dominantes e transformar a orde social nunha dirección mais respectuosa co benestar das persoas e das colectividades.
 
Pasado ano e medio dos primeiros casos rexistrados no territorio chinés, poderiamos facernos algunhas preguntas pertinentes: temos aprendido do sucedido?; mudaron significativamente os hábitos da cidadanía e dos seus representantes?; existen mais desexos de cambiar as estruturas precedentes ou estamos, mais ben, ante a pretensión de recuperar, canto antes, o “modus vivendi” anterior?
 
Coas reservas asociadas a un horizonte temporal no que aínda non se percibe o remate definitivo da crise do coronavirus, podemos afirmar a presenza de elementos moi contraditorios á hora de facer unha avaliación global. O grande avance que representa a obtención -nun tempo extraordinariamente curto- de vacinas efectivas na prevención da pandemia vai acompañado da persistencia dun vello problema: a radical desigualdade entre os distintos países provoca mortes e sufrimento nas poboacións que habitan en Africa, América Latina e nalgunhas zonas de Asia. A industria farmacéutica non quere renunciar aos millonarios beneficios que lle proporciona a situación actual e os mandatarios dos Estados mais poderosos carecen da vontade requirida para rachar a lóxica infernal que coloca a unha parte da humanidade nun intolerábel status de inferioridade ante esta traxedia sanitaria.
 
De todos os organismos internacionais que resultaron interpelados durante estes meses, só a OMS e a UE fixeron algunhas aportacións positivas na xestión da crise aínda que se podan considerar limitadas dada a envergadura do problema que se está padecendo. Combater a inercia que considera normal os esforzos na vacinación que se realizan en Europa, USA, Canadá ou China e o simultáneo abandono que se practica noutras áreas do planeta non só impugna a catadura ética do mundo desenvolvido senón que despreza o efecto boomerang que pode provocar un virus descontrolado sobre as propias sociedades que agora comezan a sentirse protexidas. Dirase que este fenómeno do fondo desequilibrio no benestar a nivel mundial xa tiña carta de natureza antes de Xaneiro do 2020. Certamente é así, mais agora existen unhas circunstancias excepcionais que esixirían unha mudanza, sequera parcial, de semellante estado de cousas.
 
Collendo unha perspectiva analítica mais cinguida ao Estado español, pódese constatar un contraste moi chamativo entre as continuadas demostracións de solidariedade cívica protagonizada polas persoas encargadas de prestar atención sanitaria e apoio social á xente afectada pola pandemia e a pésima pedagoxía realizada pola maioría das elites políticas e xudiciais. No ranking dos despropósitos ocuparon os primeiros postos o PP e Vox. Obsesionados por derrubar ao goberno presidido por Sánchez non dubidaron en postular medidas contraditorias dependendo da súa posición en cada un dos ámbitos institucionais e, ao mesmo tempo, trataron de xudicializar unha boa parte das decisións gobernamentais que non contaban co seu apoio. A recente decisión do Tribunal Constitucional sobre o estado de alarma constitúe un exemplo paradigmático das actitudes extraordinariamente belixerantes adoptadas pola dereita política e xudicial.
 
Aínda que os indicadores que miden os cambios sociais non se deben reducir ás variacións rexistradas no eido electoral, resulta evidente a transcendencia dos poderes políticos na evolución dos países e, xa que logo, a importancia da orientación programática dos gobernos que se formen a partir da vontade popular. Neste sentido, o comportamento dos votantes nas catro citas electorais celebradas dende Xullo do ano 2020 (Galiza, Euskadi, Cataluña, Madrid) revelan pouca propensión ao cambio a pesar de que, nalgúns dos casos, a xestión gobernamental que se xulgaba era manifestamente defensora da vella orde anterior á pandemia.

Papeleta introducida nunha urna durante unha votación das eleccións
Papeleta introducida nunha urna durante unha votación das eleccións | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.