UU.AA. denuncia que "non se está tendo en conta" o aumento dos custos para pagar o leite

Anuncia "presión sindical" e espera que as administracións estean "á altura" para demostrar que a lei de cadea "ten percorrido".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

Unións Agrarias denuncia que a industria non está a ter en conta "para nada" o aumento dos custos de produción para establecer o prezo que abonan aos gandeiros polo leite. A responsable da área externa do sindicato, Félix Porto, lembrou que as granxas galegas están a recibir un céntimo menos que a media española polo litro de leite, segundo os seus datos. Hai "anuncios" de futuros incrementos pero "aínda" son "insuficientes", engadiu.

En rolda de prensa, o secretario xeral de UU.AA., Roberto García, constatou que os custos de produción subiron (entre eles a enerxía, os pensos, os abonos e outros), pero os prezos que perciben os profesionais experimentan un camiño á alza "máis lento". Tres cadeas de distribución concretaron recentemente o compromiso de incrementar o prezo de venda ao consumidor do leite para poder repercutilo a todos os elos da cadea. Pola súa banda, UU.AA. "vai estar moi vixiante" das "boas palabras" doutros tres, apuntou García.

PRESENTARÁ DENUNCIAS

Mentres, "de non haber compromiso" por parte de industrias, a central presentará "denuncias formais por incumprimento da lei de cadea". "Esperemos que as administracións estean á altura das circunstancias para demostrar que a lei que aprobaron ten un percorrido", incidiu Roberto García.

Neste sentido, esgrimiu "razóns morais, legais e sociais" para facer "presión social", á vez que lembrou a súa petición para que a lei de cadea recolla "a validación de calquera instrumento avalado pola administración", en concreto tras a presentación da aplicación 'Conta Láctea'. Esta ferramenta serve para levar a contabilidade e calcular custos de produción e prezos de venda para as explotacións leiteiras. "Que a industria o teña que dar por válido", profundou o secretario xeral.

Imaxe recurso dunha vaca. gandaría. CALIDAD PASCUAL
Imaxe recurso dunha vaca. gandaría. CALIDAD PASCUAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta