Piden a Iberdrola que suba o nivel de auga do encoro do Vao para evitar "riscos" na regata de piragüismo

Os socialistas aseguran que o nivel de auga do encoro comezou a descender a inicios desta semana, polo que a diferencia entre o caudal e o embarcadoiro podería dificultar a proba.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de manifestar a súa "preocupación" a respecto do descenso do caudal do encoro do Vao cando está a piques de celebrarse a Regata da Copa Deputación de Piragüismo, organizada pola Federación Galega de Piragüismo, polo que solicita que Iberdrola proceda a subir o nivel da auga para asegurar que a competición se leva a cabo “en condicións de total seguridade”.

Encoro do Vao, en Viana do Bolo
Encoro do Vao, en Viana do Bolo | Fonte: Wikiloc

Os socialistas aseguran que o nivel da auga do encoro “comezou a baixar a inicios desta semana”, o que provocou que aumentase a diferencia de altura entre o caudal e a plataforma, que ao ser fixa no canto de flotante, require que as canoas sexan apeadas, co conseguinte risco que a manobra leva consigo para os participantes no encontro.

Neste sentido, indican que a baixada do caudal xusto ás portas da celebración da regata –que terá lugar este domingo e na que participarán arredor de 200 piragüistas–, tamén deixa á vista edificacións que estaban anegadas, así como vexetación e árbores, polo que insisten en que a operadora atenda as demandas institucionais e eleve o caudal co obxectivo de que a competición sexa disputada co maior nivel de seguridade posible.

“Iberdrola pode subir o nivel da auga e neste caso consideramos que é unha cuestión de responsabilidade facelo, de maneira que este encontro poida celebrarse de maneira segura e coa tranquilidade de saber que os participantes contan coas condicións óptimas para que a regata sexa todo un éxito”, subliñan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta