Publicada a resolución que permite a pesca de recreo en zonas de servizo de todos os portos autonómicos, agás 15

A presidenta de Portos anunciara que serían 16 os que seguirían coa prohibición; o DOG publica a listaxe este venres

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución pola que se levanta a prohibición da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias, que só queda vetada, finalmente, en 15 portos autonómicos.

A norma aproba tamén o procedemento de declaración responsable para a práctica da pesca de recreo en portos dependentes da comunidade. De feito, a resolución produce efectos a partir deste sábado e ábrese o prazo de presentación de declaracións responsables a partir dese día, que quedará aberto.

En total, 28 portos quedan libres para a realización desta práctica e en 79 estará permitido pero en determinadas zonas sinaladas, xa que se han tramificado.

Os 15 portos en que seguirá prohibida a pesca de recreo en superficie son os de Redes (Ares), San Pedro de Visma (A Coruña), Quenxe (Corcubión), Testal (Noia), Ribeira, Carril (Vilagarcía), O Xufre (A Illa de Arousa), Sanxenxo, Raxó (Poio), Corbaceiras (Pontevedra), Beluso (Bueu), Aldán (Cangas), Moaña, Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) e A Pasaxe (A Guarda).

A comezos do pasado mes de xullo, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lengus, informou de que serían en só 16 dos 122 portos de titularidade autonómica nos que seguiría prohibida a pesca deportiva. Entón, o texto que este venres publica o DOG atopábase en "fase moi avanzada de tramitación".

RÉXIME DE PROHIBICIÓNS

Nun apartado, a resolución recolle o réxime de prohibicións, entre as que destaca que non se permitirá a práctica da pesca marítima recreativa de superficie desde peiraos de atracada durante as operacións de atracada ou desatraque ou mentres permanezan embarcacións nos peiraos, nin entre embarcacións.

Tampouco se permitirá cando poida afectar o normal tránsito e atracada de embarcacións de calquera índole dentro da dársena ou a súa seguridade. Non se permitirá o acceso a pantaláns, nin a embarcacións, nin a manipulación de embarcacións atracadas, nin a limpeza da pesca nos peiraos, entre outras cuestións.

Varios barcos de frota artesanal, tras a convocatoria de paro por parte da Federación Galega de Confrarías de Pescadores na dársena da Mariña na Coruña, Galicia
Varios barcos de frota artesanal, tras a convocatoria de paro por parte da Federación Galega de Confrarías de Pescadores na dársena da Mariña na Coruña, Galicia | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta