Catro centros da provincia de Pontevedra e un da da Coruña incorpóranse ao bacharelato de excelencia

Os 38 centros que xa participaban na iniciativa continuarán desenvolvéndoa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2021 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia publicou a resolución pola que se incorporan cinco centros ao bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), prorrogando ademais a participación no proxecto dos 38 centros educativos que xa o desenvolven, segundo informa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Esta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudigital 2030, ten entre os seus obxectivos promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, "mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario tendo en conta a perspectiva de xénero".

Os centros de nova incorporación son os institutos Aquis Celenis (Caldas de Reis), de Valga (Valga) e Valadares (Vigo) e os colexios plurilingüe Liceo A Paz (A Coruña) e plurilingüe Compañía de María (Vigo).

O STEMBach, que inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación, "contribúe a profundar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dunha maneira rigorosa, ordenado e crítico", remarca a Consellería.

Ademais, incide en que "facilita tamén a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas".

A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto. A mesma foise consolidando ata chegar aos 658 alumnos matriculados (o 55,62% deles mulleres).

Alumna nunha aula. ANA VARELA/XUNTA - Arquivo / Europa Press
Alumna nunha aula. ANA VARELA/XUNTA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta